Stock Marín regresa á Alameda con 22 comercios e descontos de até o 50%

Marín
22 de xullo 2026
Actualizado: 14:06

Os comercios de Marín liquidan tempada con compras ao aire libre. A programación inclúe ademais varias accións para incentivar as compras e promover o consumo responsable

Sorteo para adxudicar os espazos en Stock Marín
Sorteo para adxudicar os espazos en Stock Marín / Concello de Marín

A Alameda de Marín abrirá do 31 de xullo ao 2 de agosto o gran escaparate do comercio local coa celebración da IX edición de Stock Marín.

Esta cita, xa consolidada no calendario comercial do municipio, reunirá 22 establecementos e ofrecerá descontos de, polo menos, o 50% nunha ampla variedade de produtos.

A concelleira de Turismo e Comercio, Cristina Acuña, e o director xerente do Centro Comercial Aberto Estrela de Marín, Yonathan Carreira, celebraron no Concello o sorteo para adxudicar os espazos que ocuparán os comercios participantes.

O recinto feiral distribuirase ao longo de toda a Alameda, onde se instalarán 22 carpas individuais, das que 17 terán unhas dimensións de cinco por cinco metros e outras cinco serán de tres por tres.

Os visitantes atoparán ofertas en sectores moi variados, entre eles moda para home, muller e infantil, lencería, calzado, deporte, bixutaría, artigos para o fogar, papelería, material escolar e xoguetería.

A feira abrirá as súas portas de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.00 horas, mentres que o domingo o peche adiantarase ás 21.00 horas. A entrada será de balde.

Un dos principais atractivos desta edición volverá ser o sorteo destinado a premiar a quen realicen compras durante a feira.

O domingo, ás 19.30 horas, celebrarase un sorteo presencial de 700 euros entre os clientes que compren nalgún dos establecementos participantes.

A persoa gañadora recibirá o importe a través da tarxeta de fidelización Comercio de Marín, que deberá gastar durante a propia feira nos comercios participantes, cun máximo de 50 euros por establecemento.

As bases completas poden consultarse na páxina web de Estrela de Marín.

Durante a feira repartiranse bolsas reutilizables da campaña Comercio Compensa, impulsada pola Xunta de Galicia para fomentar un consumo sostible e de proximidade. Para conseguir unha será necesario presentar un xustificante de compra de, polo menos, dez euros, até esgotar existencias.

Así mesmo, o sábado pola tarde, entre as 19.00 e as 22.00 horas, o club de fidelización Comercio de Marín repartirá cucuruchos de flocos de millo entre os clientes que acrediten realizar algunha compra na feira.

Desde o Centro Comercial Aberto Estrela de Marín agradeceron a colaboración do Concello, que asume parte dos custos de montaxe e do servizo de vixilancia nocturna do recinto, así como o respaldo da Xunta de Galicia, que cofinancia esta novena edición dunha iniciativa concibida para dinamizar o comercio local e achegar ao público as últimas oportunidades da tempada a prezos moi rebaixados.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora