Stock Pontevedra conta as horas para dar inicio a unha nova edición

Pontevedra
30 de xaneiro 2019

A feira de oportunidades organizada polo Centro Comercial Urbano Zona Monumental abrirá as súas portas o vindeiro venres 1 de febreiro no Recinto Feiral

Feira de oportunidades Stock Pontevedra 2018
Feira de oportunidades Stock Pontevedra 2018 / Diego Torrado

O Recinto Feiral de Pontevedra acollerá a partir do próximo venres 1 de febreiro unha nova edición de Stock Pontevedra.

A feira de oportunidades impulsada polo Centro Comercial Urbano Zona Monumental contará un ano máis cun cheo total en canto a expositores, con preto de 70 empresas confirmadas.

Os vendedores ofrecerán durante tres días un amplo e variado catálogo de produtos de diferentes sectores: téxtil (moda home, muller, íntima ou infantil), peletería, complementos, calzado, decoración, antigüidades, deportes, fogar e óptica, entre outros.

A décimo sexta edición de Stock Pontevedra contará cun horario de 11:00 a 21:00 horas desde o venres día 1 de febreiro ata o domingo día 3, cun prezo de entrada de 1,50 euros.

Do mesmo xeito que en anteriores edicións, ofrecerase servizo de gardería totalmente de balde.