O subdelegado apela ao "sentido común" de BNG e PP no enfrontamento pola falta de bandeiras oficiais

Pontevedra
01 de febreiro 2026

Abel Losada pide ao alcalde que as instale "canto antes" e reprocha aos 'populares' que "prefiren o ruído e a furia, que é o que os vén caracterizando na súa maneira de facer política"

Abel Losada diante da Subdelegación do Goberno coa bandeira do Orgullo
Abel Losada diante da Subdelegación do Goberno coa bandeira do Orgullo / Subdelegación do Goberno

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, entrou, por alusións, na polémica xurdida na política local sobre a non presenza de bandeiras oficiais na balconada da Casa Consistorial da Praza de España tras a súa reforma.

O PP leva desde 2024 reclamando a colocación das insignias e este sábado deu a coñecer que pediu a actuación de Losada e este respondeulle que contactara vía telefónica co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para que colocase as bandeiras nun tempo prudencial.

Para a concelleira e senadora do PP Pepa Pardo, Abel Losada incorreu en "abandono de funcións" e, como resposta, fai unha chamada ao entendemento.

Así, realizou un "chamamento ao sentido común" a todas as partes, tanto ao PP polas súas criticas como ao alcalde e o goberno local do BNG, ao que pide "que instale esa bandeira canto antes". O PP pide as de Pontevedra, Galicia e España.

"Como subdelegado do Goberno, practico un estilo de solucionar as cuestións falando", respondeu Losada ás duras críticas do PP.

Para Losada é "fundamental" que si algún tema pode arranxarse con diálogo, "é mellor para todos, é mellor para a política en xeral e é mellor para o país".

Losada explicou que lle trasladou ao goberno local de Pontevedra que se non colocan as bandeiras oficiais "nun tempo prudencial", faranlles un requirimento formal".

Asegura ao Partido Popular de Pontevedra e a Pepa Pardo que "poden estar tranquilos", pois "por suposto, chegado o caso, faríase" ese requirimento.

Nunhas declaracións remitidas aos medios de comunicación este sábado, Losada considera que o PP ten que explicar "se prefire a lea ou que se resolva esta cuestión".

"Honestamente, dáme a sensación de que prefire o ruído e a furia, que é o que os vén caracterizando na súa maneira de facer política nos últimos anos", critico Losada.

En resposta dilles que con el poden contar "para axudar a resolvelo e se pode ser dialogadamente, mellor", pero que "para a lea e o ruído, o Partido Popular bástase só".