O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, respondeu con dureza ás críticas do Partido Popular sobre a paralización das obras do Nó de Bombeiros, unha infraestrutura considerada clave para a cidade. Os populares acusan o Goberno de Pedro Sánchez de "abandonar" Pontevedra e instaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a esixir a continuación inmediata dos traballos.
En declaracións aos medios, Losada cualificou estas críticas de "desvergoña política", ao considerar que o PP non está en posición de reclamar avances nunha obra que —segundo subliñou— nin sequera chegou a iniciar durante os seus anos no Executivo.
"Escoitar ao Partido Popular queixarse sobre o ritmo das obras do Nó de Bombeiros vai máis aló do paradoxo e se ensarta por completo no cada vez máis fértil campo da desvergoña política", afirmou.
O subdelegado lembrou que o proxecto foi prometido reiteradamente entre 2012 e 2018 polo entón presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e a ministra de Fomento, Ana Pastor, sen que se chegase a executar. "Non moveron unha palada de terra", sentenciou.
Ademais, denunciou que o proxecto foi adxudicado á concesionaria da AP-9, Audasa, e que a súa execución ía estar condicionada a unha subida de peaxes financiada a través da prórroga da concesión até 2048, aprobada durante o mandato de José María Aznar.
En contraposición, Losada defendeu a actuación do actual Goberno de Pedro Sánchez, que decidiu afrontar o custo da obra —9,5 millóns de euros— a través dos Orzamentos Xerais do Estado. Segundo indicou, xa se realizaron movementos de terra e estudos xeotécnicos complementarios que revelaron "dúbidas sobre a solidez do proxecto que fixo Audasa para o Goberno do PP".
Segundo indicou, como consecuencia, tramitouse unha modificación do proxecto, que se atopa na súa fase final de aprobación. "Vai supor unha mellora significativa do proxecto chapuceiro que deixaron o señor Rajoy e o señora Pastor", asegurou Losada.
O subdelegado lamentou o ton das súas declaracións, pero xustificou a súa contundencia ante o que considera unha estratexia de "demagoxia e mentiras" por parte do Partido Popular.
"A obra renovarase canto antes e finalizarase canto antes", afirmou.
Por último, reiterou o compromiso do Goberno de España de seguir traballando para solucionar "o enorme embrollo" derivado da prórroga da concesión da AP-9, que cualificou de "ilegal".