Sufocan un lume forestal orixinado nunha canteira abandonada de Portas

Umia
22 de marzo 2021

As lapas, cuxa orixe consideran provocada polo home, afectaron a esta antiga construción e a unha parcela de piñeiros da contorna sen xerar maiores danos materiais nin persoais

Lume forestal en Portas
Lume forestal en Portas

Un incendio forestal orixinado na noite do domingo nunha canteira abandonada na parroquia de Lantaño, en Portas, obrigou a intervir de forma urxente aos servizos de emerxencias de Cuntis, Medio Rural e aos efectivos de Protección Civil de Portas e Cuntis para evitar o avance das lapas, que pola rápida intervención dos bombeiros afectaron unicamente a unha superficie duns 500 metros cadrados.

A escarpada orografía do lugar e a dificultade para achegarse ao foco complicou os labores de extinción. Os profesionais que se encargaron do seu extición aseguran que se trata dun incendio intencionado, debido a que non hai constancia de ningunha queima agrícola descontrolada nin puido orixinarse por causas naturais. 

As lapas calcinaron boa parte da canteira e súa altura alertaron á poboación e fixeron que os servizos de emerxencias actuasen con présa para cortar o avance das mesmas. De feito, o lume avanzou cara a unha zona forestal de piñeiros que se atopaba en bo estado de conservación o que, xunto coa actuación dos bombeiros, permitiu frear o avance do incendio.

Despois de dúas horas de traballo, os efectivos de Emerxencias, Protección Civil e Medio Rural deron por extinguido o incendio.