"Súmate ao Cambio", a campaña para que os homes asuman a corresponsabilidade nos coidados

Pontevedra
01 de xullo 2020

A Deputación apela á responsabilidade compartida na atención á infancia, persoas maiores ou dependentes para que as mulleres non teñan que seguir a hipotecar as súas carreiras e a súa saúde

Presentación da campaña "Súmate ao Cambio"

Co obxectivo de poñer o foco na corresponsabilidade nos coidados, chega "Súmate ao Cambio", a nova campaña da Deputación de Pontevedra que apela directamente aos homes a que afronten o gran reto social da responsabilidade compartida.

Na presentación desta campaña a presidenta provincial, Carmela Silva, sinalou que as mulleres son o 89% das persoas coidadoras en España e representan o 95,2% das reducións da xornada laboral para coidar dalgún familiar, amais de que realizan o 76% do traballo non remunerado de coidados no ámbito doméstico e público.

Para Carmela Silva isto é unha "inxustiza histórica" porque son elas as que "hipotecan a súa carreira, a súa saúde e as súas vidas" para ocuparse de persoas maiores, dependentes ou menores.

A presidenta da Deputación remarcou a necesidade de que os homes "se sumen ao cambio" da situación actual co obxectivo de alcanzar a igualdade na repartición dos coidados e as tarefas domésticas.

A este respecto, incidiu en que resulta "fundamental" fomentar a corresponsabilidade para permitir que as mulleres non atopen dificultades para acceder a postos de responsabilidade ou dispoñer de tempo libre debido ás cargas familiares.