Suspenden a Festa do lacón con grelos de Cuntis

Umia
25 de xaneiro 2022

A cita prevista para primeiros de marzo suspéndese, segundo avanzou o goberno local ao considerala inviable nestes momentos. O Concello de Cuntis mantense atento aos protocolos sanitarios para adoptar unha decisión sobre os desfiles do Entroido

Festa do lacón con grelos en Cuntis
Festa do lacón con grelos en Cuntis / Concello de Cuntis - Arquivo

Manuel Campos, alcalde de Cuntis, avanzaba este martes que se suspende a Festa do lacón con grelos, prevista para inicios do mes de marzo. O grupo de goberno considera "inviable" a celebración nestes momentos deste evento gastronómico porque non sería factible cumprir con todas as medidas pertinentes sanitarias.

O  Concello traballa en elaborar unha programación complementaria que permita celebrar a festa noutra data dentro deste 2022. Ademais, o alcalde sinala que están a estudar a opción de organizar outro tipo de promoción deste prato gastronómico típico.

Tamén se manteñen á espera da decisión do  comimté clínico que asesora á Xunta de Galicia para adoptar unha decisión sobre a celebración dos desfiles do Entroido na vila. Campos afirma que se o protocolo e a situación pandémica permíteo, o Concello organizará actividades durante o Entroido atendendo ás medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas asistentes.