O Entroido de Vilagarcía recupera o desfile de disfraces pero perde o certame de comparsas e o baile infantil

O Salnés
31 de xaneiro 2022

O certame de comparsas aínda terá que esperar un ano máis xa que as agrupacións locais levan meses inactivas por non poder reunirse a ensaiar

Gran Desfile de Entroido de Marín 2018
Gran Desfile de Entroido de Marín 2018 / Diego Torrado

Despois de un ano sen celebracións do Entroido debido á pandemia, Vilagarcía recupera en 2022 o tradicional desfile de disfraces do martes de Entroido.

O Concello xa está traballando na organización do evento que, ao celebrarse ao aire libre e incluír o correspondente protocolo sanitario, permitirá o desenvolvemento seguro dun dos eventos máis esperados e vistosos do ano e con elo, o regreso da tradición popular do Entroido. Será o 1 de marzo.

O desfile de disfraces mantén a faceta de concurso no que se poderá participar nas diversas categorías establecidas (individuais, parellas e grupos) nas modalidades infantil e de adultos respectivamente. A Concellería de Cultura está elaborando xa as preceptivas bases que regularán o concurso e nas que se establecerán os premios e as contías dos mesmos, así como os prazos de inscrición. 

CERTAME DE COMPARSAS

O que non poderá incluír este ano o programa de Entroido do Concello é o certame de comparsas ao non poder contar coa participación das agrupacións locais ás que a Concellería de Cultura se dirixiu previamente.

Segundo lles comunicaron, debido ás restricións sanitarias primeiro e por precaución despois, as comparsas levan meses inactivas sen reunirse para elaborar os vestiarios, as coplas e ensaiar, polo que non será posible contar con elas este Entroido, tendo que esperar un ano máis para poder gozar destas comparsas.

BAILE INFANTIL

O protocolo sanitario aprobado recentemente pola Xunta aconsella tamén prescindir do baile infantil que tradicionalmente ten lugar na Praza da Peixería. Maila isto, a Concellería de Xuventude traballa na organización dalgunha actividade alternativa para os máis cativos, e mantense á espera de coñecer o protocolo específico que ditarán as autoridades sanitarias de cara ás celebracións de Entroido por si, para aquela, flexibilizan as restricións.