Os efectos do coronavirus COVID-19 chegaron ata Pontevedra afectando a un dos grandes eventos previstos para este ano na cidade, os X Xogos Nacionais de Trasplantados.
A Asociación Deporte e Trasplante España, organizadora do evento que ía ter lugar en Pontevedra entre o 29 de abril e o 2 de maio, confirmou este domingo a súa suspensión.
"Seguindo as recomendacións dadas polas autoridades sanitarias españolas, e en particular as recibidas da Xerencia do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), ante a incerteza de como vai evolucionar a situación epidemiolóxica do COVID-19, os X Xogos Nacionais de Trasplantados Pontevedra 2020 deberán ser cancelados ou aprazados", reza o comunicado da asociación.
"Esta recomendación, baseada no principio de precaución, pretende evitar calquera situación de risco innecesario para as persoas que tiñan previsto asistir ao evento, na súa maioría persoas trasplantadas e/ou en diálises (inmunodeprimidas e con outras patoloxías asociadas)", explican os organizadores.
A decisión de suspender os Xogos Nacionais de Trasplantados tomouse por "compromiso e responsabilidade", aseguran pedindo "desculpas polos inconvenientes que esta medida puidese ocasionar".
A intención da Asociación Deporte e Trasplante España é poder retomar a celebración dos Xogos Nacionais en 2021 de novo en Pontevedra "en datas análogas ás previstas para este ano".