Susto en Cuntis tras arder o salón dunha vivenda habitada por unha muller en cadeira de rodas

Umia
21 de maio 2025
Actualizado: 14:54

Foi unha persoa que se atopaba na zona a que alertou aos servizos de emerxencia, avisándolles de que a muller non podía abandonar a súa casa ao estar xa chea de fume

Incendio nunha casa de Cuntis
Incendio nunha casa de Cuntis / Concello de Cuntis

Un aparatoso incendio calcinou por completo o salón dunha vivenda de Cuntis na que reside unha muller en cadeira de rodas.

O suceso rexistrouse sobre as 11:40 horas no lugar de Campo, en Troáns, segundo informou o 112 Galicia.

Foi unha persoa que se atopaba na zona a que alertou aos servizos de emerxencia, avisándolles de que a muller non podía abandonar a súa casa, que estaba xa chea de fume e na que se observaban chamas.

O 112 Galicia mobilizou de inmediato aos bombeiros do parque comarcal do Salnés, pero cando chegaron o lume estaba apagado e a persoa atopábase xa no exterior da vivenda.

A muller foi atendida no lugar por persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron unha ambulancia á zona.

No operativo despregado por este incendio participaron tamén efectivos do servizo municipal de emerxencias da Estrada, voluntarios de Protección Civil de Cuntis e axentes da Garda Civil e da Policía Local de Cuntis.