Susto polo fume provocado por unhas brasas baixo a ponte de Rosalía de Castro

Pontevedra
29 de outubro 2016

Efectivos dos Bombeiros de Pontevedra e as policías Local e Nacional desprazáronse pasadas as 19.00 horas deste sábado ata a rúa Rosalía de Castro e a súa contorna ante a chamada de alerta dos veciños da zona por unha nube de fume procedente de debaixo da ponte sobre o río Gafos. Finalmente, todo quedou nun susto e non foi necesario que interviñesen

Intervención debaixo da ponte de Rosalía de Castro
Intervención debaixo da ponte de Rosalía de Castro / Diego Torrado

Efectivos dos Bombeiros de Pontevedra e as policías Local e Nacional desprazáronse pasadas as 19.00 horas deste sábado ata a rúa Rosalía de Castro e a súa contorna ante a chamada de alerta dos veciños da zona por unha nube de fume procedente de debaixo da ponte sobre o río Gafos. Finalmente, todo quedou nun susto e non foi necesario que interviñesen. 

Segundo informaron os Bombeiros de Pontevedra, o particular que pediu a súa intervención alertaba de que saía fume da contorna da ponte sobre o río, de modo que se desprazaron ata a zona tanto este corpo como a Policía. Unha vez no lugar, comprobaron que o fume procedía dunhas brasas que estaba a facer unha persoa sen teito que adoita durmir na contorna

Esta persoa xa motivou no pasado varias intervencións dos bombeiros por pequenos incendios, pero nesta ocasión, non chegou a haber lume, de modo que non tiveron que apagar nada. Segundo explicaron, non había posibilidade de que esas brasas se propagaran. 

Horas antes, sobre as 13.50 deste sábado, os bombeiros tamén acudiron á rúa Loureiro Crespo para abrir a porta dun domicilio. O seu propietario baixou ao garaxe e deixou as chaves en casa e a comida ao lume, de modo que pediu a intervención urxente dos bombeiros para evitar calquera incidencia.