Tallan acacias que xeraban situacións de perigo nos xardíns da UNED

Pontevedra
06 de novembro 2019

Iván Puentes explica que estas tallas poden ser consideradas como "o primeiro paso" para o acondicionamento integral desta valiosa zona verde, de cara á súa futura apertura para o uso de toda a cidadanía e a súa integración na trama urbana do barrio de Monte Porreiro 

Tala de acacias nos xardíns da UNED
Tala de acacias nos xardíns da UNED / Concello de Pontevedra

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural do Concello de Pontevedra está a executar traballos de talla de diversas acacias emprazadas nos xardíns do centro asociado da UNED en Monte Porreiro, entre elas, algunhas que estaban a xerar situacións de perigo. 

As actuacións, realizadas por operarios do servizo municipal de Parques e Xardíns coa axuda dun camión-guindastre, están destinadas a eliminar algunhas árbores que se atopaban en mal estado e que supuñan unha molestia e, nalgúns casos, un perigo para estudantes e veciños.

O concelleiro do ramo, o socialista Iván Puentes, explica que estas tallas poden ser consideradas como "o primeiro paso" para o acondicionamento integral desta valiosa zona verde, de cara á súa futura apertura para o uso de toda a cidadanía e a súa integración na trama urbana do barrio de Monte Porreiro. 

Neste senso, o concelleiro lembra que o Concello de Pontevedra presentará nas vindeiras semanas unha petición formal ante a Xunta Reitora da UNED para acadar a cesión do parque, coa fórmula administrativa que estimen máis axeitada.