Tambo acollerá unha xornada de convivencia para cen escolares de 6º de primaria de Poio

Poio
23 de abril 2025

O Concello organiza esta actividade para que o alumnado se coñeza antes de coincidir no instituto. Tamén convoca o concurso do cartel das Festas de San Xoán con novidades nas categorías

Xornada de convivencia en Poio 2024
Xornada de convivencia en Poio 2024 / Concello de Poio

O vindeiro mércores 30 de abril, a Illa de Tambo converterase no escenario dunha iniciativa educativa e social impulsada polo Concello de Poio.

Preto de cen estudantes de 6º de primaria de todos os colexios do municipio participarán na segunda edición desta xornada de convivencia que busca facilitar o contacto entre o alumnado antes da súa incorporación ao instituto o próximo curso.

A actividade que, segundo o Concello de Poio, xa demostrou o seu éxito na edición anterior, está deseñada para que os escolares dos cinco centros educativos de Poio - Isidora Riestra, Chancelas, Lourido, Viñas e Espedregada - poidan coñecerse nun ambiente lúdico e distendido, fomentando así novas amizades e vínculos que facilitarán a súa adaptación ao IES de Poio.

"É unha oportunidade para coñecerse, para poñerse cara, para gozar todos xuntos antes de coincidir no instituto o próximo curso", explica Tamara González, concelleira de Mocidade, quen destaca que esta iniciativa "permite fomentar a participación, a integración, o desenvolvemento de habilidades sociais e o establecemento de novas amizades entre o alumnado".

O programa inclúe actividades diversas, bailes e xogos dinámicos que se desenvolverán entre as 10 e as 13 horas na illa.

Para facilitar o desprazamento, o Concello organizou un servizo de autobús que recollerá á rapazada en cada un dos centros educativos para trasladalos ao Porto de Combarro, desde onde partirán en barco cara a Tambo. A iniciativa é completamente gratuíta, xa que o Concello de Poio asume a totalidade dos custes, tanto do transporte como das actividades.

González agradeceu a colaboración de todos os colexios do municipio, sinalando que "este tipo de actividades fortalece o vínculo entre os diferentes centros escolares, sentando as bases para futuras colaboracións e actividades conxuntas".

Actividade na xornada de convivencia de estudantes en Poio
Actividade na xornada de convivencia de estudantes en PoioConcello de Poio

CONCURSO DE CARTEL PARA SAN XOÁN

O Concello de Poio convocou tamén o concurso para seleccionar o cartel que promocionará as Festas de San Xoán 2025, que se celebrarán entre o 22 e o 27 de xuño.

Como novidade este ano, amplíanse as categorías de participación, establecendo cinco tramos por idades: de 5 a 6 anos (categoría A), de 7 a 9 anos (B), de 10 a 12 anos (C), de 13 a 14 anos (D) e de 15 a 17 anos (E).

O concurso está aberto a alumnado empadroado en Poio ou escolarizado nalgún centro do municipio. Poderán presentar unha única obra, orixinal e inédita, ata o 19 de maio.

Os escolares gañadores en cada categoría recibirán vales para canxear nas librerías locais por importes que van desde os 60 ata os 140 euros, segundo a categoría. Ademais, un dos carteis será seleccionado como imaxe oficial das festas.