Tambores e cornetas toman o corazón da Boa Vila

Pontevedra
29 de marzo 2026
Actualizado: 10:36

Tras meses de ensaios e preparación, os integrantes de cada agrupación demostraron o seu bo facer na céntrica Praza da Ferrería

Certame de Bandas Cofrades de Pontevedra
Certame de Bandas Cofrades de Pontevedra / Cristina Saiz

A Boa Vila acolleu este sábado a segunda edición do Certame de Bandas Confrades, unha cita que volveu encher de música procesional o centro histórico en vésperas da Semana Santa.

O evento reuniu a seis agrupacións, entre elas as pertencentes ás confrarías pontevedresas do Espírito Santo, da Vera-Cruz e Misericordia, da Nosa Señora do Amor Fermoso, do Noso Pai Xesús do Silencio e do Noso Pai Xesús coa Cruz ao lombo.

A elas sumouse como formación convidada a banda Vides Novas, procedente de Poio, que habitualmente acompaña cada Xoves Santo á Confraría do Corpo Santo.

Tras meses de ensaios e preparación, os integrantes de cada agrupación demostraron o seu bo facer na céntrica Praza da Ferrería, onde confluíron.

O son de tambores e cornetas impregnou as rúas do centro histórico, nun ambiente marcado pola tradición confrade e a expectación do público.

A xornada comezou ás 16:45 horas coa concentración de todos os músicos na praza de España. Desde alí, e a partir das 17:00 horas, as diferentes bandas iniciaron un desfile graduado, con saídas programadas cada cinco minutos, que percorreu o centro urbano até desembocar na Ferrería, epicentro do certame.

O encontro consolidou así a súa presenza no calendario previo á Semana Santa pontevedresa, ofrecendo un escaparate para o traballo das bandas confrades.

 

Arquivado en