En apenas oito minutos de sesión, a corporación municipal aprobou os cambios propostos polo Concello no seu cadro de persoal. Fíxoo tras rexeitar as alegacións presentadas polos sindicatos e cos únicos votos a favor dos edís do BNG.
Os trece concelleiros presentes nas bancadas de PP e PSdeG-PSOE decidiron absterse, entre duras críticas á falta de negociación do goberno municipal cos seus traballadores.
A responsable de persoal, Eva Vilaverde, explicou que esta sesión extraordinaria do pleno foi convocada para que se puidesen tramitar de maneira paralela estes cambios coa relación de postos de traballo que entrará en vigor a próxima semana.
Este asunto, que xa fora debatido nun pleno anterior, implica, entre outros asuntos, a creación dunha oficina municipal para xestionar os fondos europeos, un reforzo de persoal para o servizo de patrimonio ou cargos de asesores para os partidos políticos.
Dos tres recursos presentados contra os cambios do cadro de persoal, segundo Vilaverde, dous foron inadmitidos polos técnicos municipais ao afectar a cuestións retributivas e o terceiro foi desestimado ao estar "perfectamente motivadas" a creación das novas prazas.
"Este é un paso adiante na mellora e organización dos servizos", defendeu a concelleira do BNG, que recoñeceu que "non é solución definitiva", algo no que prometeu que "seguiremos traballando".
Iago Acuña, edil do PP, lamentou que o goberno municipal traia ás pleno modificacións "continuas" do cadro de persoal e reiterou que "o que hai que facer é negociar en serio cos sindicatos e non cambiar o cadro de persoal a golpe de ocorrencia".
Neste mesmo sentido, o socialista Manuel Fariña asegurou que "non entendo" que se afronte a negociación colectiva "sen convocar á parte sindical e sen ánimo de chegar a acordos", polo que reclamou que se abra un "verdadeiro" proceso negociador cos traballadores.