O centro cultural de Monte Porreiro foi o escenario da festa infantil coa que toda a rapazada puido gozar do Entroido. Foi un evento organizado pola asociación de palilleiras A Fieitiña, en colaboración con diversas entidades do barrio.
Entre outras actividades, houbo música a cargo de Migallas Teatro, unha sesión de globoflexia coa ANPA Os Campos, un obradoiro de pintado de caras coa Sociedade Deportiva de Monte Porreiro e Pinceladas Creativas ou partidos de tenis de mesa co equipo de Monte Porreiro.
O Pontevedra Rugby Club, pola súa banda, ofreceu chocolate de balde para os asistentes, mentres que a comisión de festas do Bo Pastor animou a festa con DJ Manu e vendeu bebidas frías e quentes e postes típicos do Entroido para recadar fondos para as festas do barrio.
Tamén colaboraron coa festa O Rinconcito de Nieves, librería do barrio, coa elaboración das bolsas de caramelos aos máis pequenos ou a ANPA Luis Seoane, a ANPA O Miradoiro, o Club Rítmica Xiada e o Club Taekanart, que decoraron o local e supervisaron o evento.
A festa resultou todo un éxito, segundo a organización, con máis de 300 rapaces e rapazas, e alongándose ata máis alá do horario previsto.
"Enorgullecémonos de ter unido a tantas entidades para o goce de moitísimos nenos e nenas do barrio", destacou a presidenta da Fieitiña, Esperanza Marín.