Os tarugos, un perigo silencioso nas Rías Baixas

O Salnés
05 de febreiro 2025
Actualizado: 11:57

Un grupo de voluntarios recolleu a pasada fin de semana 15.300 unidades destas pezas de plástico que se utilizan nas cordas das bateas para que non se desprendan os mexillóns

Tarugos recollidos na praia de Cabodeiro (Illa de Arousa)
Tarugos recollidos na praia de Cabodeiro (Illa de Arousa) / Tarugotón 2025

Nos últimos tempos, as praias galegas están sendo testemuña do crecemento alarmante da contaminación mariña, sendo os tarugos que se desprenden das cordas das bateas un dos elementos máis preocupantes dos que se atopan nas costas galegas.

Coñecidos tamén como paus de batea, os tarugos son elementos plásticos que se utilizan no cultivo do mexillón. A súa función é distribuir o peso dos bivalvos ao longo das cordas que os sosteñen, evitando que se solten.

Segundo datos da Asociación Mar Seguro de Galicia, nas costas galegas hai un total de 3.337 bateas. De cada unha delas, pode ir pendurado un número máximo de 500 cordas, o que dá unha idea dos miles de tarugos que pode portar unha soa batea.

Estas pezas, que antes se fabricaban en madeira, agora están feitas de plástico que, ao desprenderse, se converten en residuos que contaminan as praias e os ecosistemas mariños, tardando en degradarse varios centos de anos.

Esta pasada fin de semana, do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro, tivo lugar a I Recollida Simultánea de paus de batea en distintas praias de Galicia, unha iniciativa organizada por Limpiarousa, Surfrider España, ADEGA e Proxecto aMARte.

Tarugos recollidos na praia do Terrón (Vilanova de Arousa)
Tarugos recollidos na praia do Terrón (Vilanova de Arousa)Tarugotón 2025

Esta campaña, coñecida como 'Tarugotón', mobilizou unha gran cantidade de voluntarios, alcanzando a participación de aproximadamente 300 persoas, que lograron recoller 15.300 tarugos.

Na Ría de Arousa, as limpezas realizounas o colectivo Limpiarousa en diversas localizacións, dende Rianxo e Cabo de Cruz ata Carril, Vilagarcía, Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados e O Grove.

"Atopamos moitísimas cantidades de tarugos, especialmente nas praias da zona de Vilanova de Arousa. Sorprendeunos tamén a cantidade que había en zonas que non soiamos limpar, como Cabo de Cruz ou Rianxo, onde se recolleron cerca de mil en tan só unha hora", afirma Annika Álvarez, membro do colectivo Limpiarousa en conversa con PontevedraViva.

Annika Álvarez na recollida de tarugos na praia de Tragove (Cambados)
Annika Álvarez na recollida de tarugos na praia de Tragove (Cambados)Tarugotón 2025

A campaña non só se centrou na recollida de paus de batea, senón que tamén buscou sensibilizar á poboación, ás administracións e ao sector bateeiro sobre a problemática da contaminación mariña. "A mellora na extracción do mexillón é clave para evitar que isto vaia a máis", reclama.

Nas limpezas de praias da ría de Arousa que realiza habitualmente o colectivo Limpiarousa, nacido tras o accidente do barco ‘Toconao’ e o vertido de pellets en decembro de 2023, as súas tres integrantes, coa axuda doutra xente voluntaria, acostuman atopar un gran volume de "lixo mariño", como biosoportes, envases de plástico, cabos, cordas, redes de pesca e os paus de batea.

A activista subliña que esta ría, de intensa actividade pesqueira e de acuicultura, adoece das consecuencias do uso de materiais non sostibles.

Tarugos recollidos na praia do Carreirón (Illa de Arousa)
Tarugos recollidos na praia do Carreirón (Illa de Arousa)Tarugotón 2025

"Os tarugos véndenos como irrompibles, pódese entrar en calquera páxina web que os venda e comprobalo. Nós o que queriamos tamén con esta acción era demostrar que non é así", manifesta Álvarez.

Para probar esta tese, na recolleita de tarugos separaron os que aparecían enteiros dos que estaban partidos, cun resultado abraiante. "Vimos cantos había de cada un e aproximadamente case un 70% de paus aparecen partidos, fronte a un trinta e pico por cento que aparecen enteiros, o que nos quere dicir que non son irrompibles", conclúe.

Dende o colectivo alertan de que a "mala calidade" do plástico co que están feitos estes tarugos provoca que a súa deterioración no mar contribúa á contaminación por microplásticos que afecta ao ecosistema mariño.

"Ao final son plásticos que, estando en contacto co sol e co medio ambiente do mar, ao desfacerse, acaban converténdose en microplásticos, que á súa vez atraen combustibles e residuos que hai no mar, e acaban sendo bombas de reloxería para toda a fauna e para nós".

Tarugos recolleitos no areal xunto á ponte da Illa de Arousa
Tarugos recolleitos no areal xunto á ponte da Illa de ArousaTarugotón 2025

A diferenza doutros lugares de España, no litoral galego os residuos dos paus de batea atópanse de forma recorrente, polo que suponen un problema de contaminación de primeira orde.

Para as entidades organizadoras da recollida, o seguimento da xornada lévaos a cualificar esta acción de voluntariado ambiental de éxito. "Isto anímanos a lanzar máis convocatorias no futuro para incentivar a toda a xente a participar. Agardamos que tamén sirva para iniciar diálogos na busca de solución".