A patroa maior da confraría de Lourizán e presidenta da lonxa de Campelo, María del Carmen Vázquez Nores, alertou do posible peche do banco marisqueiro tras obter dous resultados negativos nas analíticas e ante a posibilidade de que a seguinte mostraxe conclúa nese mesmo sentido.
No verán do pasado 2007 e despois de case 20 anos a Consellería do Mar reabriu ao marisqueo a parte interna da ría de Pontevedra tras comprobar o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) que existía "unha mellora na clasificación microbiolóxica das augas da zona".
Este espazo comprendido entre Punta Praceres e o peirao de Lourido, está clasificado a día de hoxe como zona B, o que significa que o marisco extraído pode comercializarse "con todas as garantías de calidade e salubridade" tras pasar por unha instalación depuradora.
Con dous resultados negativos consecutivos o Intecmar rebaixaría a clasificación a zona C, é dicir, só poden ir ao mercado no caso de que vaian para conserva ou tras unha reinstalación para un proceso de depuración natural.
Lourizán xa obtivo estes dous resultados negativos aínda que un deles foi xustificado puntualmente debido a unha vertedura da que deu conta a Xunta. Outra mala analítica afectaría drasticamente a esta área de produción de moluscos cun impacto severo na súa economía.
Por este motivo a patroa maior de Lourizán clamaba este martes que "nós levamos un ano como zona B, pero xa acumulamos dous malos resultados, se hai un terceiro, péchannos e non poderemos traballar". Se iso ocorre Carmen Vázquez advirte de que haberá mobilizacións "diante do Concello".
Carmen Vázquez lembrou que "nós o único que queremos é o saneamento dos bancos marisqueiros" e definiu aos traballadores do mar como as "vítimas" das administracións.
A patroa maior sinala directamente ao Concello de Pontevedra por acudir á mesa para o saneamento da ría "para dicir que non teñen información" polo que se pregunta "a que viñeron e por que estiveron calados durante estes tres anos?".
A patroa maior da confraría de Lourizán sospeita que todo poida responder a unha "estratexia electoral", algo que rexeitou con contundencia "porque están xogando cos postos de traballo dunhas mil familias".