A asociación veciñal Estriceres, da parroquia pontevedresa de Lourizán, reitera a súa preocupación polo intenso tráfico de vehículos pesados que circulan diariamente pola PO-546, coñecida como a estrada vella de Marín.
Os residentes advirten que a situación se agrava en días de choiva, cando se reduce a visibilidade e aumenta o perigo para os viandantes, especialmente ante a proximidade de parques infantís e centros educativos, con escolares afectados polo paso continuo de camións, nalgúns casos, a elevada velocidade.
Os veciños critican que as reformas que se están acometendo na vía resultan insuficientes e non se tiveron en conta as necesidades de seguridade reclamadas polos residentes ás administracións.
Sinalan que, a diario, o tráfico de vehículos de gran tonelaxe é continuo para trasladar material á fábrica de Ence.
Lamentan a falta de implicación por parte das administracións, malia os reiterados avisos sobre riscos e accidentes frecuentes na zona.
Lembran o atropelo mortal que se producía en Estribela en 2021 e demandan actuacións inmediatas para evitar novas traxedias, instando publicamente a reforzar a protección de peóns e residentes.
No caso de que non detecten cambios, afirman que adoptarán medidas máis drásticas por parte da veciñanza.