O servizo de Meteogalicia anuncia o retorno transitorio da influencia anticiclónica sobre Galicia durante a xornada deste venres 22 de agosto, o que suporá que continúan as alertas derivadas do risco de incendios forestais.
A previsión indica que as néboas matinais e nubes baixas que afectarán ás zonas de interior durante as primeiras horas darán paso a un tempo maioritariamente seco e soleado.
As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso, alcanzando nas Rías Baixas valores entre os 16ºC e os 33ºC.
Os ventos soprarán do nordés con intensidade frouxa, agás no litoral noroeste onde serán moderados.
Para o sábado 23, as altas presións manterán o seu dominio sobre o territorio galego. As néboas matinais do interior disiparanse para deixar ceos moi despexados, aínda que pola tarde crecerán nubes de evolución na metade sur sen consecuencias significativas.
As temperaturas durante o sábado van manterse entre os 15ºC e os 32ºC.
O domingo 24 marcará o inicio dun cambio de patrón meteorolóxico coa chegada dos restos dunha fronte. Esta situación provocará ceos máis nubrados na metade oeste de Galicia, onde son posibles algunhas chuvias febles pola mañá.
Pola tarde aumentará a inestabilidade atmosférica, derivando en chuvascos tormentosos máis probables no interior.
Nas Rías Baixas, as temperaturas situaranse entre os 13ºC e os 25ºC, experimentando un descenso lixeiro.
Na vindeira semana, a partir do mércores 27 de agosto, Galicia quedará baixo a influencia de baixas presións situadas ao norte da comunidade.
Esta configuración traerá alta probabilidade de chuvia na metade norte e oeste do territorio, acompañada dunha baixada de temperaturas que situará os valores entre os 14 e os 22 graos, incluso por debaixo dos normais para a época do ano.