A Xunta de Galicia activou este venres a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral da comunidade, ampliando así o aviso que ata agora afectaba unicamente á costa da provincia da Coruña.
A medida responde á evolución adversa das condicións meteorolóxicas e ten como obxectivo principal reducir riscos para a poboación e para as infraestruturas costeiras.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior trasladou a situación aos concellos das zonas afectadas, ás deputacións provinciais, aos servizos de emerxencias e ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil, así como a diferentes entidades vinculadas á actividade marítima, entre elas clubs náuticos. A comunicación realizouse a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia.
Segundo as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía, o temporal, activo durante a mañá na costa coruñesa, estenderase ao longo do día ao resto do litoral galego.
Espérase mar combinada do noroeste, con ondas que poderían alcanzar os seis metros de altura.
Como consecuencia da alerta laranxa, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou a suspensión de toda a actividade deportiva no mar nos concellos afectados, incluídas as competicións federadas e as actividades do programa Xogade. A relación de municipios nos que se aplican estas restricións pode consultarse na páxina web de Deporte Galego.
Desde a Xunta insístese na necesidade de evitar a presenza en zonas próximas á costa, como diques, rompentes e paseos marítimos, e de extremar as precaucións en calquera actividade marítima. Tamén se recomenda comprobar o estado dos amarres e cabos das embarcacións para previr danos.
As autoridades lembran que a cidadanía pode acceder a información actualizada sobre a situación meteorolóxica e consellos de autoprotección a través da web do CIAE 112 Galicia, onde se recollen tamén ligazóns de interese relacionadas coa xestión de emerxencias.