Unha vintena de confrarías das Rías Baixas rexeitan en Cambados as "inasumibles" normas europeas de pesca

O Salnés
12 de xaneiro 2026

Unhas 500 persoas secundaron a protesta, realizada dentro da lonxa pola choiva. Acudiron representantes de confrarías das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, mariñeiros e armadores

Protesta de confrarías na lonxa de Cambados
Protesta de confrarías na lonxa de Cambados / Cofradía de Pescadores de Cambados

O "inasumible" novo regulamento europeo de control da pesca, que entrou o vigor o pasado sábado 10 de xaneiro, reuniu este luns a ao redor de 500 persoas das confrarías das Rías Baixas en Cambados.

Representantes dunha vintena de confrarías das rías de Pontevedra, Arousa e Vigo déronse cita no interior da lonxa de Tragove. A protesta estaba convocada no exterior, pero cambiouse pola choiva.

Acudiron representantes das confrarías, entre eles, o presidente da Federación de Confrarías da provincia de Pontevedra e patrón maior de Bueu, José Manuel Rosas, e os responsables de Cambados, O Grove, Raxó, Cangas, A Illa ou Portonovo, entre outros. Tamén mariñeiros e armadores.

O patrón maior da confraría de Cambados, Alejandro Pérez, explicou a PontevedraViva que con esta convocatoria quixeron manifestar o rexeitamento unánime do sector a "catro ou cinco puntos que hai neste regulamento que entendemos que non son viables para esta flota" e que supoñen "un agravio para este tipo de de embarcacións de artes menores".

"Non nos queda outra que protestar porque isto é inviable asumilo para este tipo de embarcacións", redunda Alejandro Pérez.

A flota cuestiona, entre outras cuestións, a obrigación de declarar capturas desde o primeiro quilogramo, que supón un maior risco de discrepancias entre as estimacións a bordo e os datos en porto e o conseguinte impacto sancionador.

"Ten que ser quilo por quilo e para nós isto é inasumible", indica, en referencia a que a porcentaxe de equivocación sitúase nun 20%, pero "normalmente neste tipo de embarcacións as cantidades que se adoitan pescar non adoitan ser moi altas e é moi fácil que che equivoques nese 20% e xa sexa motivo de sanción".

Outra das medidas que cuestionan é a obrigación de determinar un prazo horario fixo para a notificación previa de entrada a porto cunha antelación mínima de catro horas. No caso da flota de baixura que opera nas Rías Baixas, sinalan que traballan a moi curta distancia do porto, con mareas breves, de modo que ese límite horario ríxido resúltalles imposible de cumprir.

Nas Rías Baixas, as embarcacións artesanais traballan na ría, "a 10 ou 15 minutos do peirao, como moito media hora ou tres cuartos de hora", de modo que "non nos dará tempo legalmente a facer esa notificación", insiste o patrón maior de Cambados.

Alejandro Pérez sinala que outro dos "inconvenientes" para o sector é a obrigación que terán agora os patróns dos barcos de cumprimentar e remitir oito notificacións electrónicas durante as manobras finais de navegación e entrada a porto.

Asegura que "a nivel de seguridade, para nós é un problema", no sentido de que deberán estar a navegar e facendo comunicacións ao mesmo tempo, "un risco para a seguridade do persoal e da embarcación", pois obriga ao patrón a desatender outras funcións de goberno e vixilancia da embarcación.

A nova normativa entrou en vigor para as embarcacións de 12 a 15 metros de eslora, pero o sector advirte que para o ano 2028 van estar afectadas as que teñen até 10 metros e para 2030 tamén as de oito e novo. Isto é, "aféctanos a todos".

Protesta de las cofradías en la lonja de Cambados
Protesta das confrarías na lonxa de CambadosConfraría de Pescadores de Cambados