Tenso pleno na Deputación con protestas do persoal do GES de Sanxenxo

Pontevedra
30 de xaneiro 2026
Actualizado: 17:47

No pleno provincial un grupo de integrantes dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal trasladaron as súas protestas pola situación laboral que se produce en Concellos como Sanxenxo

Presenza de persoal dos GES no pleno da Deputación

O pleno ordinario da Deputación de Pontevedra, celebrado este venres 30 de xaneiro, estivo marcado pola forte protesta do persoal dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES).

Antes do inicio de pleno comezou o estrépito de petardos ante as portas do pazo provincial e culminou co abandono en bloque da sala por parte dos traballadores, tras interromperen a quenda de palabra do grupo popular en sinal de desconformidade coa xestión do conflito laboral  en Sanxenxo, que afecta especialmente á comarca do Salnés.

Luis López, presidente provincial, antes do pleno, manifestara que "o GES é un tema supermunicipal que non ten nada que ver coa Deputación, pero estamos en disposición de escoitar"

Integrantes do GES de Sanxenxo e doutros puntos da provincia asistiron á sesión para reclamar melloras laborais e a garantía de operatividade as 24 horas. Durante a intervención do deputado popular Jorge Cubela, os representantes dos traballadores interromperon o discurso con berros de protesta e abandonaron o salón de plenos.

O presidente da institución reaccionou con ironía ao desaloxo afirmando: "Grazas pola vosa conduta. Sodes todo un exemplo. Moi bo día".

A moción, presentada polo PSOE, instaba á Xunta, á Deputación e ao Concello de Sanxenxo a asegurar a continuidade e mellora do servizo.

A voceira socialista, Ana Laura Iglesias, denunciou que o servizo "pecha as portas ás 11 da noite" moitos días por falta de persoal, o que cualificou de "irresponsabilidade" que deixa desprotexidos aos concellos de Sanxenxo, Meaño, O Grove e Poio.

Iglesias esixiu que a Xunta asuma o financiamento íntegro e a integración dos GES no sistema autonómico para evitar "parches".

Pola súa banda, María Manuela Rodríguez Pumar (BNG) apoiou a iniciativa e estendeu a problemática ao GES do Val Miñor, denunciando quendas de só dous efectivos e condicións de "abandono" nas instalacións.

O Bloque defendeu a creación dun Servizo Galego de Emerxencias plenamente público e profesionalizado para acabar coa "ineficiencia e precariedade" do modelo actual.

O voceiro do PP, Jorge Cubela, fundamentou o seu rexeitamento á moción en base á normativa legal, citando a Lei de Bases do Réxime Local.

Cubela aclarou que, no caso específico de Sanxenxo, trátase de servizos de emerxencia municipais que, aínda que equiparados en financiamento aos GES, dependen orgánica e xuridicamente do Concello.

"Calquera incremento de persoal é unha decisión que corresponde exclusivamente á entidade xestora do servizo", sinalou Cubela, acusando ao PSOE de querer converter un conflito laboral local nunha "problemática política" provincial.

O deputado popular subliñou que a Xunta xa financia o 52,5% dos custos e que a Deputación cumpre cos seus compromisos de cooperación.

Protesta dos GES no pleno da DeputaciónCristina Saiz

Na súa réplica final, Ana Laura Iglesias recordou as promesas do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre tempos de resposta máximos de 20 minutos e reprochou ao PP que "a seguridade no Salnés teña horario de peche".

Finalmente, a moción foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular, que fixo valer a súa maioría absoluta fronte ao apoio de PSOE e BNG á proposta.

OUTROS TEMAS

O pleno acadou a unanimidade en asuntos de xestión técnica ao aprobar a actualización do catálogo de estradas provinciais e a adhesión ao convenio coa Xunta e a Fegamp para o impulso da administración dixital.

Pola contra, este clima de acordo fracturouse nas mocións de máis carácter político, onde o goberno provincial do PP fixo valer a súa maioría fronte ás críticas e abstencións da oposición.

No apartado pesqueiro, o PP sacou adiante, coa abstención de PSOE e BNG, unha moción que esixe ao Goberno central flexibilizar o Regulamento Europeo de Control para a frota artesanal.

Os populares demandan eliminar a obriga de preaviso de chegada a porto e simplificar o rexistro de capturas para evitar cargas administrativas "desproporcionadas".

Pola súa banda, o BNG defendeu sen éxito que a Xunta exerza as súas competencias en augas interiores para protexer as singularidades galegas, acusando ao PP de votar en Bruxelas medidas que agora prentende suavizar.

O debate agrogandeiro centrouse no acordo UE-Mercosur e a PAC. O PP aprobou unha proposta propia reclamando cláusulas de salvagarda e controis fronteirizos estritos, mentres o BNG viu rexeitada a súa moción contra o tratado, ao que cualificou de "lesivo" para comarcas como o Deza, onde o sector supón máis do 18% do PIB.

Os nacionalistas acusaron a populares e socialistas de "oportunismo", mentres que o PSOE defendeu o acordo comercial como un "logro" para a competitividade das pequenas empresas no exterior.

O goberno provincial tamén rexeitou as propostas do PSOE para o apoio ao comercio local.

Finalmente, a corporación aprobou por maioría a adxudicación do servizo de telecomunicacións da Deputación por dous millóns de euros para os vindeiros catro anos, un punto que contou coa abstención de socialistas e nacionalistas.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora