Teresa Blanco, a sindicalista defensora do traballo no mar, homenaxeada na UGT

Pontevedra
08 de marzo 2016

O secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, entregou a título póstumo o Premio 8 de marzo a que fora secretaria xeral da Federación de Servizos para a Mobilidade e o Consumo en Pontevedra deste sindicato. A súa familia recolleu o galardón nun emotivo acto

Homenaxe en UGT a Teresa Blanco o 8 de marzo
Homenaxe en UGT a Teresa Blanco o 8 de marzo / PontevedraViva
Homenaxe a Teresa Blanco na UGT /

Teresa Blanco Freire foi secretaria xeral da Federación de Servizos para a Mobilidade e o Consumo en UGT Pontevedra e converteuse nunha defensora do traballo no mar sendo unha infatigable activista. Esta muller tivo que abandonar os seus estudos de dereito e como muller de mariñeiro e nai de tres fillos traballou no sector pesqueiro, na lonxa e na venda de peixe en Estribela.

Destacou pola súa intervención na folga da pesca do litoral en Marín durante os anos 90 implicándose plenamente, como lembra Antonio Castro, o seu esposo.

Este martes 8, os seus familiares recollían o primeiro premio 8 de marzo que se entrega a título póstumo por parte de UGT desde que se celebran estes actos de recoñecemento do labor que desempeña a muller no marco sindical. Ramón Vidal, secretario comarcal do sindicato, entregou o premio á familia de Teresa.

Antonio Castro lembra a Teresa Blanco como unha loitadora que defendía tanto os dereitos dos traballadores como da muller e encargábase de resolver os problemas da xubilación dos mariñeiros e do transporte, "pasaba noites resolvendo problemas dos traballadores" lembra o seu home.

Por iso este home entende que a súa muller lembraría nun 8 de marzo a necesidade de que a mocidade defenda os dereitos dos traballadores e o traballo sindical para facer fronte ao poder dos empresarios.