A maior organización mundial dos profesionais da arquitectura terá unha muller galega -e pontevedresa- como secretaria xeral. É dicir, a súa 'número 2'.
Teresa Táboas ostentará esa responsabilidade ata o ano 2029. Así o decidiu a asemblea xeral da Unión Internacional de Arquitectos, reunida en Barcelona no marco do Congreso Mundial de Arquitectura 2026.
O arquitecto chinés Zhang Li será o seu novo presidente.
Ata o momento, Táboas exercera na UIA como vicepresidenta pola rexión I-Europa.
"É unha grande honra como galega", destacou a arquitecta pontevedresa, que subliña a importancia de liderar organizacións como esta que "serven como altoparlantes para aportar novas ideas e trasladalas á sociedade".
Teresa Táboas asegura que entre os retos da UIA nos vindeiros catro anos está o de garantir a vivenda como un dereito "irrenunciable".
Nese eido, sostén que os profesionais da arquitectura deben reclamar activamente políticas de vivenda para toda a cidadanía, desde o espazo privado ata o espazo público de convivencia.
Ademais, sinala que nos procesos urbanizadores das cidades os arquitectos e arquitectas terán que "tomar conciencia" da emerxencia climática.
Teresa Táboas (Cidade de México, 1961) é filla de emigrantes ourensáns do Carballiño. É doutora en Arquitectura.
Tras colaborar durante seis anos con César Portela no seu estudo, traballou durante dous anos no Concello de Marín como arquitecta municipal.
Ademais de arquitecta en exercicio desde o seu estudo pontevedrés, fundado en 1990, Táboas é docente e autora de varios libros sobre arquitectura, aínda que tamén ocupou diversos cargos públicos no goberno galego.
Foi presidenta da delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia e foi a primeira muller elixida decana do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) en 2003.