A Finca de Briz acollerá o próximo 31 de outubro unha nova edición do Samaín Briz, unha cita que se consolida como un dos eventos máis esperados do outono en Marín.
A xornada, organizada polo Concello, combinará tradición, cultura popular e lecer nun programa pensado para públicos de todas as idades.
As actividades comezarán ás 18:30 horas, momento no que se abrirán as portas da finca para dar inicio a unha tarde-noite cargada de misterio, entretemento e emoción.
Un dos espazos destacados será o PequeSamaín, dedicado aos máis pequenos, que poderán gozar até as 22:00 horas de propostas como pintacaras, xogos, animación musical e diversas sorpresas.
A partir desa hora, será a quenda dos máis intrépidos, que poderán participar nas tradicionais rutas do medo.
Este ano, o percorrido incluirá dúas experiencias diferentes: a "Casa das bonecas terroríficas", a cargo da Comparsa Os da Caña; e "As portas do alén", do Club Deportivo La Peña.
Ambas as rutas permanecerán abertas até as 21:00 horas e, aínda que o acceso se organizará por colas, a organización tratará de axilizalas o máximo posible.
Ademais, ao longo de toda a finca poderase percorrer, sen esperas, o circuíto inmersivo das "Estacións do Medo", que incluirá espazos temáticos como O Banquete da Morte, O Bosque Encantado, Medo Me Dá, A Noite do Brote, A Cova do Asustador e A Danza da Lúa.
Os espectáculos principais contarán con dous pases, ás 19:00 e 21:00 horas, cunha programación que fusiona elementos tradicionais e lendas do imaxinario galego. Representaranse as montaxes Nemeton. A Orixe do Samaín, A Queimada, O Lobishome e A Queima das Meigas.
A xornada concluirá ás 23:00 horas cunha gran festa final, aberta a todos os asistentes.
Durante toda a tarde e noite, o evento contará tamén con postos de comida, ambientación musical e numerosas actividades paralelas, convertendo a Finca de Briz nun espazo único de celebración e convivencia veciñal.
O Concello de Marín quixo agradecer a implicación da Fundación Xoán XXIII e das comparsas e colectivos colaboradores: Os da Caña, CD La Peña, Val do Lérez, Cor Café, As Sonecas e A Pandilla, cuxo traballo e creatividade fan posible que o Samaín Briz siga crecendo ano tras ano.