Tes unha proposta para o premio Cidade de Pontevedra? O Concello xa abriu o prazo para as candidaturas

Pontevedra
08 de decembro 2021

As propostas poderán presentarse no rexistro municipal até o vindeiro 5 de xaneiro

Entrega do Premio Cidade de Pontevedra 2020 a Paula Dapena e o persoal sociosanitario
Entrega do Premio Cidade de Pontevedra 2020 a Paula Dapena e o persoal sociosanitario / Mónica Patxot

Desde este martes 7 de decembro permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas aos premios Cidade de Pontevedra. As persoas, asociacións, entidades ou colectivos interesados poderán presentar as súas propostas no Rexistro do Concello ata o 5 de xaneiro de 2022. 

Segundo lembra o Concello, as propostas deberán levar unha memoria xustificativa que explique os méritos do designado.

Como xa é coñecido, os Cidade de Pontevedra teñen dúas modalidades, persoa física e persoa xurídica. Para cada unha das modalidades outorgarase un único premio, que consistirá nun Teucro de prata e un diploma.

O xurado valorará o labor desenvolvido polos candidatos, sobre todo, no último ano e a proxección de Pontevedra e os pontevedreses derivada delo.

Os galardóns serán entregados nun pleno extraordinario de honra que se desenvolverá o 20 de xaneiro, día de San Sebastián patrón da Boa Vila.