Tino Fernández esixe á Deputación que corrixa as deficiencias de Pasarón antes de entregalo ao Concello

Pontevedra
16 de novembro 2016

Pasarón é o "gran esquecido" na actual sintonía entre o Concello e a Deputación. Así o entende o portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández. Denuncia que no último ano e medio non se moveu "nin un papel" para resolver as deficiencias que presenta o estadio, trámite necesario para que o concello poida recepcionar as instalacións

Estadio Municipal de Pasarón
Estadio Municipal de Pasarón / Mónica Patxot

Pasarón é o "gran esquecido" na actual sintonía entre o Concello e a Deputación. Así o entende o portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández. Denuncia que no último ano e medio non se moveu "nin un papel" para resolver as deficiencias que presenta o estadio, trámite necesario para que o concello poida recepcionar as instalacións.

Un informe do servizo de Arquitectura do Concello recolle todas estas deficiencias, moitas delas apreciables a primeira ollada. A pesar diso, Fernández asegura que "ninguén move un dedo" e o prazo para poder reclamar o seu arranxo á empresa construtora "está a esgotarse".

Entre outras cuestións, o dirixente socialista citou que a cuberta do estadio non cobre toda a bancada, que as torretas de iluminación son provisionais, que os bancos e os vestiarios aláganse, que o sistema de rede de sumidoiros funciona mal, que varias varandas non cumpren a súa función ou que se encharcan algunhas zonas no campo de xogo.

Desta situación son "cómplices", segundo Agustín Fernández, tanto o goberno municipal por non reclamar o arranxo desas deficiencias como o executivo provincial. A Deputación, dixo, "nin o fixo ben na época de Louzán nin o está facendo ben agora", ao non mostrar a mesma preocupación por este asunto que por outras "irregularidades" do anterior goberno.

"Parece que hai certo interese en silenciar o que pasou", engadiu.

Por iso, o PSdeG-PSOE presentará unha moción ao pleno da corporación municipal para esixir ao Concello que axilice os trámites para recibir "canto antes" o estadio, advertindo que con carácter previo a deputación provincial corrixa as deficiencias detectadas polos técnicos, ben con fondos propios ou ben coa fianza depositada pola construtora.

RESPOSTA DE CARMELA SILVA E MOSQUERA

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acusou o seu compañeiro de filas no Partido Socialista, o concelleiro pontevedrés Tino Fernández, de "poñer o ventilador" asegurando que este asunto parécelle "pouco serio, pero bueno, estamos acostumados", dixo.

A Carmela Silva gustaríalle que Tino Fernández fixese estas reclamacións ao anterior presidente da adminsitración provincial, Rafael Louzán "que é o único responsable de todo o que acontece" en relación ao estadio de Pasarón.

"Este goberno da Deputación non fai todo ben, o fai moi ben. Traballa moito. Todo o que ten que ver con ese estadio de Pasaron non ten nada que ver con esta Deputación", indicou Carmela Silva, para quen este asunto "está absolutamente pechado".

Igualmente, o vicepresidente da Deputación e concelleiro pontevedrés, César Mosquera, apuntou que "ese é un pequeno revival, unha historia xa moi antiga que deu moitas voltas".