Tino Fernández, "estupefacto" coa designación do arquitecto da obra do novo local social do Burgo

Pontevedra
07 de xuño 2017

O voceiro do grupo municipal socialista amosou a súa sorpresa polo feito de que a dirección das futuras obras de acondicionamento do local social que se ubicará no estadio de Pasaron estará a cargo do mesmo arquitecto que dirixiu no seu momento a remodelación do campo de futbol

Agustín Fernández, no pleno municipal
Agustín Fernández, no pleno municipal / Mónica Patxot

O voceiro do grupo municipal socialista, Tino Fernández, amosou este mércores a súa sorpresa polo anuncio do concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, de que a dirección das futuras obras de acondicionamento do local social de O Burgo, que se ubicará no estadio de Pasaron, estará a cargo do mesmo arquitecto que dirixiu no seu momento a remodelación do campo de futbol. Anunciou que preguntará polos motivos na próxima comisión de Réxime Interior e Patrimonio. 

A noticia deixouno en "estado de estupefacción" e, tras coñecela, advirte ao goberno local que "vaian preparando xa unha modificación de crédito", en alusión a que a remodelación de Pasarón estivo marcada por sucesivas ampliacións do orzamento. Na súa opinión, "isto é como meter ao raposo a coidar do galiñeiro".

Ante o argumento municipal de que elixiron este arquitecto porque xa coñece a infraestrutura, Tino Fernández responde que ese é, precisamente, o seu principal problema, pois xa se sabe que, aos dous meses de iniciar a obra, pedía cinco millóns mais para modificar as cubertas que el proxectara.

"Só falta que se lle encargue tamén a revisión das posibles deficiencias", ironizou o socialista, que considera que en política as casualidades non existen e "parece moita casualidade esta coincidencia".

Tino Fernández critica que se algo caracteriza á obra de Pasarón é "o seu desmesurado sobrecusto, o descontrol na dirección de obra e as numerosas deficiencias detectadas polos usuarios unha vez finalizadas" e agora súmase esta "designación sorprendente".