Doce empresas optan a construción do futuro Local social do Burgo

Pontevedra
30 de marzo 2018

A obra sae a licitación cun orzamento de 639.902,97 euros. O futuro centro veciñal ocupará 1.087 metros cadrados no estadio de Pasarón pero estará totalmente independente do campo de fútbol

Estadio de Pasarón
Estadio de Pasarón /

A apertura de plicas constatou que son doce as empresas que optan ao concurso para a construción do futuro Centro social do Burgo, unha obra que sae a licitación cun orzamento de 639.902,97 euros, segundo lembra o portavoz do Goberno local e concelleiro responsábel de Contratación, Raimundo González.

As empresas que concorreron ao concurso son as seguintes:

  • Construcciones Emi Álvarez SL
  • Construcciones Abal
  • Inelsa
  • CPA (Construcciones y Proyectos Abilleira SL)
  • GPD Construcciones
  • Ediserpo
  • Construcciones Gómez Crespo
  • Prado Lameira SL
  • Coviastec SL
  • Elsamex
  • Copcisa
  • Emergis UTE CruzVal SL

Abertas as plicas, agora é tempo da avaliación técnica das ofertas.

O futuro Centro Social de O Burgo ocupará 1.087 metros cadrados no campo de Pasarón. No soto contará con espazos para almacéns e armarios diferenciados para a asociación de veciños e para o CF Pontevedra. No primeiro andar disporá dun vestíbulo e zona de estancia de 111,50 metros cadrados, unha aula social de 62,40 metros e un salón multiusos de 97,05 metros, entre outras dependencias. Estes espazos estarán destinados a actividades, cursos, obradoiros... polo que se inclúe unha cociña-aula solicitada pola asociación.

O obxectivo é crear un centro accesible e intelixente dende un punto de vista social, económico e enerxético, e totalmente independente do estadio de fútbol de Pasarón. Para garantir a perfecta separación co campo de fútbol, xerouse unha nova entrada para o centro veciñal. Esta independencia, a desconexión total dos espazos, foi unha demanda coincidente da Asociación Cultural O Burgo e do club e quedou recollida no proxecto.