Un paso máis na "estreita" colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Deputación. Así describiu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o convenio asinado entre ambas as institucións para poñer en marcha o centro social do Burgo.
O goberno provincial financiará os 640.000 euros que constará habilitar este centro social no estadio de Pasarón. A mesa de contratación reunirase o martes para adxudicar este proxecto, que ten un prazo de execución máximo de seis meses.
Tras a firma do convenio, Fernández Lores destacou que o local será empregado "fundamentalmente" pola Asociación Cultural O Burgo, unha das máis activas do municipio, que contará cun espazo "digno" e de "alta calidade" para desenvolver as súas actividades.
Este centro social, engadiu, completa a rede deste tipo de equipamentos nos barrios da cidade de Pontevedra e enmárcase dentro da "boa saúde" da que goza a relación entre o Concello e a Deputación que, segundo avanzaron os seus titulares, materialízase en investimentos próximos aos 12 millóns de euros nos catro anos de mandato.
Carmela Silva, pola súa banda, explicou que este tipo de centros sociais permite "crear redes e espazos" para a cidadanía, algo que forma parte dos "valores" que comparten ambos os gobernos. Ademais, a presidenta provincial lembrou que, financiando estas iniciativas, a Deputación segue "respectando" a autonomía local dos concellos.
Silva e Lores aseguraron estar "contentos" co ritmo investidor da Deputación na cidade de Pontevedra e valoraron positivamente estes tres anos de "exquisita" relación e de "respecto mutuo" entre o goberno da Deputación e a capital da provincia.
De cara o futuro, explicou o alcalde de Pontevedra, "xa están en carteira" novos convenios entre as dúas institucións para acometer a reforma integral da rúa Rosalía de Castro, a urbanización perimetral do Gran Montecelo e a construción dun pavillón de deportes no barrio da Parda.