A presidenta da Deputación Provincial Carmela Silva e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores asinaban na mañá deste venres 28 un convenio para o financiamento do novo Centro Social dos Campos, en Mourente.
Ambos os representantes públicos coa presenza do vicepresidente César Mosquera e do deputado Carlos Font mostraban a súa satisfacción pola "excepcional relación" que existe entre as dúas institucións.
Fernández Lores destacaba que este convenio permitirá o investimento de máis de medio millón de euros (543.326 euros) para crear un espazo para a cidadanía na parroquia pontevedresa de Mourente, recuperando o inmoble da Escola Unitaria.
Carmela Silva sinalaba que a Deputación achegará o 90% da cantidade económica deste acordo e o Concello pontevedrés vai encargarse da tramitación. Lembrou que ao longo deste mandato, ambas as institucións puxeron en marcha diferentes actuacións como a creación do viario de acceso a Monte Porreiro, a Rolda Leste ou a creación dos campos de fútbol de Campañó e Ponte Sampaio, entre outros.
Por último, César Mosquera avanzou que nos próximos meses está previsto que a Deputación e o Concello asinen outros convenios con obras demandadas como o viario de Mollabao, pendente da autorización por parte de Costas; a variante de Montecelo, que ordenará o tráfico entre o Hospital e Príncipe Felipe; e o pavillón da Parda.
Os tres coincidiron en sinalar que a Deputación non realiza un trato de favor con determinados Concellos pero si destacaron a importancia da lealdade institucional para facilitar a tramitación das melloras que demandan os municipios.