Sacan a licitación o proxecto para crear o centro social dos Campos de Mourente

Pontevedra
11 de febreiro 2019

O Concello de Pontevedra acaba de aprobar o proxecto, que supón recuperar o inmoble da antiga Escola Unitaria e, en xeral, pechar o acondicionamento de toda a zona dos Campos. Sae a licitación por 536.423,53 euros e terá un prazo de execución de cinco meses 

Proxecto do Local Social dos Campos
Proxecto do Local Social dos Campos

O Concello de Pontevedra acaba de aprobar sacar a licitación o proxecto para crear o novo local social dos Campos, en Mourente. Así se decidiu na Xunta de Goberno local deste luns, que supón o impulso definitivo a unha infraestrutura moi demandada nesta parroquia pontevedresa. 

O portavoz do Goberno local, Raimundo González, lembrou este luns que o proxecto que acaban de aprobar supón recuperar o inmoble da antiga Escola Unitaria e, en xeral, pechar o acondicionamento de toda a zona de Vos Campos na que tamén estaban as antigas escolas dos mestres. 

O proxecto, financiado entre o Concello e a Deputación Provincial de Pontevedra, sae a licitación por 536.423,53 euros e terá un prazo de execución de cinco meses. 

O inmoble ten unha superficie construída de 263 metros cadrados e dúas plantas. Na primeira habilitarase un salón de actos e no baixo, aulas para uso cidadán.