Todas as persoas da bolsa de emprego de Xuntos están a traballar ou facendo prácticas

Pontevedra
27 de decembro 2018

O mes de decembro está a ser moi produtivo e xa suma tres novos contratos e unha conversión a indefinido

Diego Touriño traballa na empresa Froiz
Diego Touriño traballa na empresa Froiz /

A Asociación Down Pontevedra "Xuntos" asegura que a súa bolsa de emprego está a ser "sinónimo de eficacia" e é que a totalidade dos seus membros atópase nestes momentos traballando ou realizando prácticas laborais para mellorar as súas habilidades para unha futura inserción máis estable.

Este ano 2018 foi especialmente produtivo en canto a contratacións. As 18 persoas usuarias do programa de emprego con apoio da entidade contaron durante este período con 30 contratos vixentes, sendo 12 deles contratacións indefinidas.

O negativo continúa sendo a temporalidade, xa que este elevado número de acordos poñen de manifesto a curta duración dos mesmos. Esta é unha das razóns polas que 11 das 18 persoas que se atopan traballando neste momento están a compaxinar esta tarefa coa preparación das oposicións da Xunta de Galicia para cubrir un posto de ordenanza.

Durante este mes de decembro varios membros de Down Pontevedra Xuntos asinaron novos contratos, unha conversión a indefinido e un convenio de prácticas.

Deste xeito, durante a campaña do Nadal, Diego Fontenla e Diego Touriño traballan novamente como mozos de almacén en Supermercados Froiz. Ademais, a Deputación de Pontevedra apostou pola inclusión laboral de Emilio Antonio Barcala como peón de xardinería no centro Príncipe Felipe mediante un contrato de prácticas a xornada completa.

E neste mesmo mes, Pedro García, que traballa na liña de caixas do Hipermercado Alcampo de Vilagarcía de Arousa víuse recompensado e o seu contrato temporal converteuse nun indefinido.

Por último, Matriuska Producciones decidiu incorporar ao seu equipo de traballo a unha segunda persoa usuaria de Xuntos tras a boa experiencia que está a vivir con Xiana Moreira. Así, a produtora asinou un novo convenio de prácticas coa entidade mediante o que Carlos Pais deu apoio durante uns días en horario de mañá na organización do festival de cinema Novos Cinemas.