Todo listo en Vilaboa para presumir dos seus caldos na tradicional Festa do Viño

Vilaboa
09 de maio 2025

As casetas de colleiteiros e adegueiros da IXP Ribeiras do Morrazo abrirán as súas portas este sábado a partir das 12:00 na carpa instalada baixo o viaduto de Riomaior

Festa do Viño de Vilaboa
Festa do Viño de Vilaboa /

Vilaboa prepárase para acoller unha nova edición do seu tradicional Festa do Viño, que abrirá as súas portas este sábado 10 de maio a partir das 12:00 horas.

A carpa instalada baixo o viaduto de Riomaior será o escenario deste evento, organizado para promover a produción vinícola da comarca das Ribeiras do Morrazo e a súa maridaxe coa gastronomía local.

As casetas de colleiteiros e adegueiros da IXP Ribeiras do Morrazo ofrecerán os seus viños, que poderán degustarse nunha copa conmemorativa, deseñada especialmente para a ocasión e que poderá adquirirse por 2 euros.

Entre os colleiteiros e adegueiros participantes atópanse Elisa Ruibal García 'Casa da Boullosa', Manuel Collazo Fernández, Jesús Amoedo Leiro 'Casa da Torre', Martín Torres González "Casa Cañoteira", Nilda Alvariña, Furancho Antonio, Furancho de Jorge, Adega Ardán (Marín), 'Adega Os Areeiros' e Adegas Costas de Exportación.

Os visitantes poderán gozar duns viños con singularidades e matices únicos, que serán avaliados nunha cata organizada polo Concello.

Os premiados recibirán os seus recoñecementos o domingo ás 13:30 horas, nun acto que precederá á lectura do pregón, a cargo do humorista e colaborador do Luar, Xan Lorenzo.

Ademais da oferta vinícola, a Festa do Viño contará cun amploprograma cultural.

Na xornada inaugural do sábado, a Banda da Escola de Música de Vilaboa actuará xunto ao cantante Antonio Barros, e as charangas 'A cabeza non para', que amenizará a sesión vermú, e '112', que tomará a substitución pola noite.

A nota musical e a animación do domingo correrá a cargo da Banda de Gaitas da Asociación Cultural Cobres.

A artesanía local tamén terá o seu espazo, coa presenza de Laura Filgueira con ERRE3, Carmen Castro con Cachiboreta e Obradoiro Hedra.

Tanto o alcalde, César Poza, como a concelleira de Dinamización, Carmen Gallego, convidaron a veciños e visitantes a gozar desta festa de promoción dos viños locais, animando aos residentes na contorna a acudir a pé para evitar problemas de tráfico.