Con motivo da celebración da Feira Franca 2025, o Concello de Pontevedra activou un dispositivo especial de seguridade e emerxencias para garantir o normal desenvolvemento do evento, que se celebrará este sábado 6 de setembro no centro histórico da cidade.
A concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde, presentou este xoves os detalles do operativo, que estará en funcionamento desde as 11:00 horas do sábado até as 03:00 horas do domingo, en previsión do elevado volume de persoas que se concentrarán durante a xornada festiva.
O dispositivo contará coa coordinación de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, e contempla controis específicos desde primeiras horas do sábado.
A partir das 10:00 horas, iniciaranse inspeccións nos postos para comprobar o cumprimento das normas establecidas pola organización: uso exclusivo de carbón en grellas, presenza obrigatoria de extintores, autorización previa para a ocupación do espazo público e prohibición de instalar postos nas vías de evacuación e acceso, como as rúas Real, Sarmiento, Isabel II, Curros Enríquez, Fernández Villaverde e Michelena.
Servizos médicos e asistencia
Durante toda a xornada estarán habilitados:
- Un posto médico avanzado no Teatro Principal.
- Un hospital de campaña e tres ambulancias medicalizadas, ademais dunha UVI móbil, localizadas na praza Valentín García Escudero, Bastida/Michelena (trasladarase á Praza de Touros durante o torneo medieval) e Alameda.
- Un posto de Protección Civil na praza de Ourense, que tamén acollerá un Punto Violeta para atención en casos de agresións sexuais.
- Dous postos de bombeiros: un na Praza de España e outro na praza Valentín García Escudero.
Tránsito peonil e restricións de tráfico
A circulación peonil será prioritaria en toda a zona monumental, onde se prevé unha alta afluencia, especialmente en puntos como a Praza de España, Michelena, Praza da Ferrería, Soportais e Curros Enríquez. Tamén se espera un importante movemento de público na Praza de Touros durante a entrada e saída dos dous pases do torneo medieval.
Desde as 10:00 horas do sábado pecharanse ao tráfico varias rúas do centro, entre elas:
- Arcebispo Malvar
- Pardo Bazán
- Rúa Alameda (con desvío por Echegaray)
- Galera
- Benito Corbal (tramo peonil)
- Rúa Michelena
A partir das 14:00 horas, tamén se cortará a circulación na contorna da praza de touros polo desenvolvemento do espectáculo medieval. As rúas afectadas serán:
- Víctor Said Armesto
- Nostramo Lourido
- Pedro Marino de Lobeira
- Celestino Poza Pastrana
- Canaval
A praza de abastos pechará o seu perímetro ao tráfico a partir das 09:00 horas do sábado.
Así mesmo, prevense cortes puntuais durante a representación do transporte do viño do Ribeiro, concretamente nas interseccións de Santa Clara con Cobián Roffinac e con Perfecto Feijoo.
Estacionamentos e recomendacións
Desde o Concello recomendan evitar o uso do vehículo privado e, en caso de acudir en coche, facer uso dos aparcadoiros disuasorios habilitados, todos eles operativos durante a xornada:
- Mollavao
- Pavillón dos Deportes
- Chaira do Recinto Feiral
- Avenida de Bos Aires / José Malvar
- A Parda
- Avenida de Vigo
- Pasarón
Ademais, haberá prohibicións de estacionamento desde o venres 5 de setembro:
- A partir das 23:00 h: zona de carga e descarga de Santa Clara
- Desde as 07:00 h: Nostramo Lourido
- Desde as 08:00 h do sábado: perímetro da Praza de Touros
- Desde as 22:00 h do venres: Avenida de Bos Aires (reserva parada de taxis), entre Alfredo García Hermida e a rotonda de Ponte Santiago, Serra, Julio Camba e Valentín García Escudero
- Desde as 15:00 h do venres: Rúa Riestra (xunto con Pastor Díaz) e Rúa Aduana
Recomendacións de seguridade
A Policía Local insiste en extremar as precaucións cos obxectos persoais, aconsellando levar unicamente o imprescindible (diñeiro, cartóns de crédito, documentación) en lugares seguros e sempre á vista.
Así mesmo, lembran que os servizos de emerxencia estarán plenamente operativos durante toda a xornada para garantir unha Feira Franca segura e accesible para todas as persoas.