Pontevedra celebrará esta fin de semana a Feira Franca, unha desas citas que a cidade espera con ilusión e que atrapa tamén a miles de visitantes desexosos de mergullarse nunha experiencia única.
O concelleiro responsable da área de Cultura e Festas, Demetrio Gómez, asegurou que "temos os preparativos moi moi avanzados" dixo o edil respecto da decoración da cidade que este ano estrea algúns elementos novos na Rúa Serra.
Xa están organizados os plans de seguridade e autoprotección, e tamén o operativo de tráfico, dos que se dará conta nos próximos días.
Durante esta fin de semana, Pontevedra viaxa ao século XV. As súas rúas énchense de vida con artesáns, canteiros, ferreiros, palilleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicos, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas, cabaleiros… e este ano, bruxas. Pois a elas está dedicada esta edición número 24.
"Porque este ano as festas están a ter unha compoñente claramente feminista", sinalou Demetrio Gómez.
De modo que os días 5 e 6 de setembro, Pontevedra será terra de encantamentos, palabras prohibidas, ungüentos milagrosos, de herbas curandeiras, conxuros protectores, lendas e feitizos. Unha festa onde as meigas "esas mulleres que nunca calaron", lonxe de condenas e lumes, saen a bailar co pobo celebrando "unha maneira de revelarse contra un patriarcado que explicaba o mundo como non era".
A Feira Franca conmemora o privilexio que o rei Enrique IV concedeu á cidade en 1467: celebrar un mercado libre de impostos durante un mes. Desde o ano 2000, esta tradición cobrou nova vida grazas a unha programación repleta de actividades que teñen as súas raíces na historia.
Representacións do transporte do viño, emocionantes torneos medievais, espectáculos de cetraría, tiro con arco, embarcacións tradicionais na ponte do Burgo, esgrima… e música e danzas que enchen de maxia a tarde do venres e todo o sábado. Demetrio Gómez tamén avanzou que este ano haberá máis animación contratada polo Concello e participarán 100 postos no mercado medieval e 50 de hostalaría.
Todo iso dá forma a unha vivencia inesquecible que converte o centro histórico nun auténtico escenario medieval no que se montarán 170 mesas de comidas e ceas de familias e grupos de amigos. "Estamos aí practicamente no límite", advertiu o concelleiro sobre a capacidade da zona monumental para acoller a tanta xente.
Demetrio Gómez resaltou que si algo fai verdadeiramente especial este evento recoñecido como Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia en 2013, é a participación cidadá.
Miles de persoas vístense de época e xantan en prazas e rúas, en mesas decoradas por elas mesmas seguindo o estilo do século XV, respectando as normas estéticas.

ESPECTÁCULO INAUGURAL
O espectáculo inaugural da Praza da Ferrería, este venres 5 a partir do dez da noite, volverá estar a cargo de Pablo Méndez Performances. Presentará unha proposta artística exclusiva para a Feira Franca que, segundo el mesmo desvelou, durará 50 minutos e terá como protagonistas ás meigas.
Ao elenco habitual da compañía pontevedresa incorpóranse nesta ocasión artistas franceses, valencianos e colombianos, algún deles procedente do Circo do Sol.
"Convidamos a todos a que traian chaqueta porque refrescará e porque haberá algunha sorpresa" neste espectáculo de 4D "que será palpable e interactivo" e que incluirá moito voo, acrobacias e danzas verticais sobre unha gran pantalla de vídeo, avanzou Pablo Méndez.
Pontevedra non só revive a súa historia durante a Feira Franca: Interprétaa, transfórmaa e compártea, convertendo a cada visitante en parte do espectáculo. E este ano, máis que nunca, o fará desde unha mirada que rescata do esquecemento a aquelas mulleres que foron sabias, rebeldes… e máxicas.