"Todo o que contribúa a aumentar profesionais é benvido", afirma Rueda sobre a oferta de casas de Sanxenxo a médicos

Pontevedra
27 de maio 2022

Pola súa banda o Partido Socialista lamenta que o Sergas converta a Atención Primaria en "un mercado de fichaxes ao estilo do fútbol"

O presidente Alfonso Rueda coa conselleira Ethel Vánzquez
O presidente Alfonso Rueda coa conselleira Ethel Vánzquez / Xunta de Galicia

"Todo o que contribúa a aumentar o número de profesionais na Atención Primaria nestes meses complicados é benvido", valorou este venres o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao ser preguntado polos xornalistas sobre a proposta do  Concello de Sanxenxo de poñer ao dispor do facultativos catro vivendas durante o verán para incentivar a contratación de médicos no centro de Saúde de Baltar.

O presidente da Xunta engadiu que "hai que tentar buscar fórmulas novas e o ofrecemento que se concretou xa no Concello de Sanxenxo é unha posibilidade como pode haber outras" aínda que recoñeceu que "non é unha solución definitiva".

Rueda lembrou que "non é un tema exclusivo de Galicia" o problema existente con cobertura de prazas de médicos e sinalou que a Consellería de  Sanidade "tentará que as necesidades queden cubertas" e insistiu en que "isto pode ser non só para Sanxenxo, pode servir para outros sitios, pero está claro que hai outro tipo de propostas a través desa comisión de Atención Primaria que se constituíu hai un tempo, que está a traballar e que está a facer propostas para un problema que é de carácter xeral e que non pode embazar a magnífica asistencia sanitaria pública que temos en Galicia", apuntou.

Pola súa banda, o portavoz de sanidade do PSOE no Parlamento galego, Julio Torrado, criticou este venres esta medida ao entender que "o Sergas pretende converter a organización de recursos humanos en Atención Primaria nun mercado de fichaxes ao estilo do fútbol".

Neste contexto, o dirixente socialista censurou o "erro perigosísimo" que supón o " mercadeo de profesionais" co que está "a xogar" a Consellería de  Sanidade ao asinar "un convenio que parece que dinamita a maneira de organizar os recursos humanos en función das necesidades sanitarias e da poboación".

"A procura de profesionais sanitarios convértese así nunha poxa ao mellor ofertante", alertou, "que pode acabar por converterse nunha poxa ou mercadiño a ver quen ofrece o despacho con mellores vistas ou que concello regala un coche". "Non ten sentido e non entendemos como o Sergas pode plantexar solucionar os problemas desta maneira", incidiu.