Todo preparado para o Congreso Internacional Camellia 2014

Pontevedra
23 de decembro 2013

O comité organizador deste congreso mantivo unha xuntanza no edificio adminitrativo da Deputación Provincial para analizar as actividades que se desenvolverán do 11 ao 15 de marzo en Pontevedra coa presenza de representantes de numerosos países.

O comité organizador do Congreso Internacional Camellia 2014 que encabeza a presidenta da Sociedade Española da Camelia, Carmen Salinero, mantivo unha reunión no edificio adminitrativo da Deputación Provincial para analizar aspectos do evento que se celebrará entre o 11 e o 15 de marzo en Pontevedra.

A deputada provincial, Begoña Estévez, sinalou durante este encontro que será a primeira vez que se celebra en España este Congreso e que o principal obxectivo é atraer un novo tipo de turista que centra o seu interese na flor da camelia. Numerosos expositores inscribíronse para acudir a este Congreso que se desenvolverá no Centro Social de Novacaixagalicia. Polo momento, o país que trasladará máis participantes é Australia con 30 asistentes, seguido por Estados Unidos.

Durante as cinco xornadas en que se desenvolverá o Congreso están previstas, entre outras actividades, unha visita ao Pazo de Rubiáns, un percorrido pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro e un paseo polo Castelo de Soutomaior.

Esta cita contará cun precongreso do 6 o 10 de marzo que terá lugar en Porto e no norte de Portugal, ademais dun postcongreso que se celebrará, do 16 ao 22 de marzo, en distintos puntos de Galicia cunha importante actividade na zona das Rías Baixas.