Todo preparado para un novo Campionato Mundial de "Colchonetas"

Sanxenxo
28 de xullo 2023

Esta divertida competición, que chega a súa décimo terceira edición, vai celebrarse o domingo 30 de xullo na praia da Panadeira en Sanxenxo a partir das 12.30 horas. Haberá premios para os tres primeiros clasificados en cada unha das categorías

Campionato Mundial de Colchonetas en Sanxenxo
Campionato Mundial de Colchonetas en Sanxenxo / Asociación Lúdica Cultural 'O Cubreiro'

Regresa o denominado Campionato Mundial de "Colchonetas" de Sanxenxo. A décimo terceira edición celebrarase entre a praia da Panadeira e a dos Barcos este domingo 30 de xullo, organizada pola asociación Lúdica e Cultural 'O Cubreiro'.

Nesta ocasión solidarízanse coa asociación de Peludos Invisibles de Sanxenxo (APIS) cun posto onde quen queira pode deixar comida para animais. 

Como é habitual, nesta competición avalíase a modalidade deportiva pero tamén o sentido do humor para escoller o disfrace e o colchón mergullable co que se compite na proba.

Un grupo de 30 persoas, segundo a organización, xa se apuntou desde Santiago de Compostela para participar nesta espectacular proba. Realizáronse 55 peticións de folla de inscrición a través de correo electrónico: [email protected]. Tamén se pode descargar da páxina de Facebook do Cubreiro.

A inscrición durante esa xornada comeza hora e media antes da carreira. Entregaranse os dorsais e tomaranse as medidas de seguridade oportunas. Na categoría infantil, os participantes deberán utilizar obrigatoriamente chaleco salvavidas, que facilita a organización. 

Como en edicións anteriores haberá espazo para o Photocall oficial do evento e o quecemento organizado previo á carreira. 

Establécense tres categorías. Ás 12.30 horas tomarán a saída os menores de 10 anos. Ás 13.15 horas será a quenda para escolares con idades comprendidas entre 10 e 14 anos. 

A carreira de adultos comezará ás 14.00 horas. Despois de cada unha das probas realizarase a entrega de trofeos aos tres primeiros clasificados na proba deportiva e aos tres mellores disfraces individuais, á mellor parella e aos colchóns mergullables máis orixinais. Tamén se entregará premio aos mellores disfraces grupais.

Na anterior edición participaron preto de 350 persoas nesta proba xa clásica do verán en Sanxenxo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora