Todos os partidos políticos únense na Deputación en defensa dos informativos locais da Radio Galega

Pontevedra
30 de xuño 2018

PSOE, BNG, PP e Marea-SON apoiaron este venres unha declaración institucional que sostén que eliminar os locais é suprimir unha das funcións para as que foron creadas as delegacións da Radio Galega e renunciar a ser un referente para os oíntes, que acabarán escollendo outras emisoras 

Pleno da Corporación Provincial de xuño
Pleno da Corporación Provincial de xuño / Mónica Patxot

Todos os partidos políticos con representación na Deputación de Pontevedra (PSOE, BNG, PP e Marea-SON) apoiaron este venres unha declaración institucional en apoio do mantemento dos informativos locais da Radio Galega e en contra da decisión da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) de suprimir as desconexións locais na nova programación que acaba de poñerse en marcha. 

Durante o pleno da Deputación celebrado este venres a presidenta provincial, Carmela Silva, leu a declaración pola que o organismo se suma á reclamación que están a facer desde hai semanas os traballadores da radio pública en defensa deste servizo. Ao remate, todos os partidos apoiaron a proposta de forma unánime.

A pesar de que a nivel local o PP de Pontevedra rexeitou no pleno apoiar unha iniciativa que tiña o mesmo obxectivo, o partido a nivel provincial si que se sumou á reivindicación, que defende que eliminar os locais é suprimir unha das funcións para as que foron creadas as delegacións da Radio Galega e renunciar a ser un referente para os oíntes, que acabarán escollendo outras emisoras para saber o que pasa na súa contorna.

A declaración institucional aprobada supón pedirlle á dirección da Radio Galega que "recapacite e reconsidere a súa decisión" e mesmo vai máis alá e engade que "o máis apropiado" sería reforzar as delegacións da radio pública, que na actualidade están mermadas de persoal e sen técnicos de son, requisitos fundamentais para ofrecer unha información próxima ós cidadáns coa máxima calidade posible.

Os partidos políticos consideran un "erro" a decisión e defenden os informativos locais asegurando que hai persoas que buscan e atopan nas desconexións locais as noticias que lles son máis próximas, as voces dos actores máis cercanos á súa realidade e que se trata habitualmente dunha información que polas súas características non ten fácil acomodo noutros espazos informativos dirixidos a ámbitos de poboación máis xenéricos.

A decisión da CRTVG pasa por salpicar o conxunto da programación con doses informativas do que pasa en ámbitos máis locais e a Deputación aplaude esa iniciativa, pero considera que "de ningunha maneira" pode substituír un espazo de referencia onde os oíntes de cada vila e cidade teñen a certeza de que lles van ofrecer as noticias que buscan.

O pleno da corporación tamén aprobou por unanimidade unha moción de Marea-SON para pedir o cese do deterioro do servicio de Correos na provincia e a falta de persoal no municipio de Vigo e a súa comarca, así como contra os recortes en financiamento.