"Tolerancia cero" en Pontevedra para que a violencia machista "non siga actuando impunemente"

Pontevedra
25 de novembro 2019

O goberno municipal de Pontevedra expresou este 25 de novembro, día internacional para a eliminación da violencia sobre a muller, a súa repulsa ante "todo tipo" de violencia machista contra as mulleres e declarou o municipio como un lugar no que existe "tolerancia cero" cara os maltratadores

Concentración dos funcionarios municipais polo 25N ás portas do Concello
Concentración dos funcionarios municipais polo 25N ás portas do Concello / Concello de Pontevedra

O goberno municipal de Pontevedra expresou este 25 de novembro, día internacional para a eliminación da violencia sobre a muller, a súa repulsa ante "todo tipo" de violencia machista contra as mulleres e declarou o municipio como un lugar no que existe "tolerancia cero" cara os maltratadores.

Anabel Gulías, en nome de BNG e PSdeG-PSOE, expresou que "hoxe máis que nunca" é necesario visibilizar esta lacra social e demandar "medios reais" desde o punto de vista económico, administrativo, social e político para evitar que a violencia machista "siga actuando impunemente".

A edil lamentou que tras as mobilizacións "históricas" do feminismo organizado activouse un "resorte conservador" e xurdiron colectivos e partidos políticos "que discuten o que antes era incuestionable": a propia existencia da violencia machista.

A este respecto, o manifesto que fixo público o goberno municipal acorda expresar o seu rexeitamento ante calquera posicionamento político que negue a violencia machista ou condene a validez das políticas públicas enfocadas á súa total erradicación.

Ademais, o Concello quixo mostrar este 25N o seu apoio ás organizacións e grupos feministas que actuaron como "catalizadores" dos avances lexislativos e políticos na última década no referente aos dereitos das mulleres.

O goberno municipal de Pontevedra tamén insta o executivo estatal a que modifique a definición de violencia de xénero para adecuala ao que establece o convenio de Istambul e que a violencia sexual sexa recollida "en todas as súas expresións" como violencia de xénero, desde o acoso máis sutil ata a violación máis extrema.

Á Xunta de Galicia, por último, reclámanlle que desenvolva a lei galega contra a violencia en todo o seu articulado, dotándoa de recursos económicos suficientes para poder combater esta secuela social e ofrecer un maior apoio ás vítimas.

"A violencia machista non ten cabida na sociedade que aspiramos a ser, nin na democracia que queremos consolidar. Eliminala dás nosas vidas e protexer ás vítimas non é unha opción, é unha obriga", engade o manifesto do Concello, que lembra que as mulleres " teñen dereito a vivir en liberdade e a que as súas vidas non estean en perigo polo mero feito de ser mulleres".

POLÉMICA ENTRE PSOE E PP

A responsable de Igualdade, Paloma Castro, explicou que esta declaración institucional íase ler no pasado pleno da corporación municipal pero non puido ser pola "actitude intransixente" do PP ao que, segundo a socialista, "non lle parecía ben" que se esixise ao goberno galego o desenvolvemento da lei galega de violencia.

"Non me sorprende, xa que habitan nunha contradición case esquizofrénica", sinalou Castro, que acusa aos populares de 'cayetanizar' a política e protagonizar "tímidos intentos" para defender os dereitos das mulleres e, ao mesmo tempo, "contribúen a instalar" na sociedade o discurso "machista e misóxino" de Vox.

No PP, concluíu a edil socialista, "hai moito machista de libro".

A versión que traslada o PP, con todo, é moi diferente. O portavoz popular Rafa Domínguez, visiblemente enfadado, asegurou que estas declaracións son dunha "bajeza moral absoluta" e condenou a actitude "inadmisible" da concelleira socialista.

Domínguez explicou que esta declaración institucional "nos la enviaron el sábado por la tarde", día e medio antes do pleno, "y le dijimos que sí". Con todo, media hora antes "lo cambiaron completamente" e cando o PP pediu cambiar algunhas cousas para acordalo "la señora Castro se negó y nos dijo que ni hablar".

O dito pola responsable de Igualdade é, segundo o líder popular, "absolutamente maledicente" e avanzou que lle pedirá explicacións polo sucedido.