Consumo desenfreado; modernidade; auxe do jazz e do cine mudo, do art déco ou da moda liberadora de Coco Chanel, entre outras cousas, son os trazos que definiron os anos da posguerra, entre 1920 e 1929, ata que o crack da bolsa de Nova York, o 'xoves negro' do 24 de outubro de 1929, acabou coa alegría reinante en Estados Unidos e Europa, para dar paso á 'Gran Depresión'.
Desa década quedan para a historia, referentes ao lecer, a popularización de bailes como o Charleston e o Foxtrot, o auxe dos cabarets, e o nacemento do cine, con Charles Chaplin ou Rodolfo Valentino como referencias.
Esa época regresará por unha noite ao Liceo Casino de Pontevedra. Será o sábado, día 21 de marzo, coa celebración dunha cea, na que propoñen descubrir o 'Misterio da Mansión Sidonia', a través dunha velada cargada de glamour, música e elegancia.
Será unha cea moi especial, na que non faltarán as sorpresas nin os enigmas por descubrir. Ao longo da noite, os asistentes veranse envoltos nunha intrigante historia, na que todos os comensais poderán participar para resolver o misterio que se irá desvelando entre prato e prato.
Para completar a experiencia, será imprescindible acudir con código de vestimenta inspirado nos anos 20. Señoras: luvas, boas, flocos, chapeus e complementos como colares de perlas. Cabaleiros: traxe escuro con gravata ou paxarela, esmoquin, tirantes, bastón, bufanda, chapeu, zapatos de charol.

A velada comezará cun cóctel de benvida, seguido do menú especial cun prezo de 37 euros:
- Aperitivos 'Sidonia': panipuri de atún marinado, croquetas artesás, queixos, uvas e froitos secos, empanada de zorza de polo con queixo e lagostinos en pasta fío.
- 'Enigma da Mansión' con puré de misterio: medallón de mogote ao Pedro Ximénez con puré.
- 'Doce crime' con xeado: brownie de chocolate salgado con xeado.
- Café.
O prazo de inscrición para os socios e os seus invitados estará aberto desde o luns 9 de marzo até o día 18, podendo formalizala na Secretaría da Sociedade de maneira presencial, telefónica ou por correo electrónico, en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, de luns a venres (excepto os martes).
As invitacións para non socios poderán retirarse do 9 ao 18 de marzo a través da web ou na secretaría da Sociedade. Prezo: 10 €.
Tras a cea, celebrarase un baile aberto a todos os socios e invitados, sendo imprescindible respectar o código de vestimenta establecido para poder asistir.