Os nove traballadores da empresa Veolia Grupo Norte, encargada do mantemento no Hospital Provincial de Pontevedra, decidiron plantarse para reivindicar os seus dereitos.
Están en folga desde o martes 7 de outubro e manterán o paro ata o día 14, esixindo que se lles recoñezan as mesmas condicións laborais e salariais que ao persoal de mantemento doutras áreas sanitarias.
E como as súas peticións levan máis dun ano sen atopar resposta por parte da empresa nin do SERGAS, decidiron poñer creatividade á protesta.
Este sábado, nos xardíns do hospital, montaron o seu propio chiringuito reivindicativo: antucas, tumbonas e roupa de baño incluídas.
Así, ao sol, visibilizaron a súa loita cun toque de humor e moita dignidade.
A mobilización está convocada pola CIG, que denuncia que a empresa segue aplicando o convenio do metal da provincia de Pontevedra, malia que o traballo deste persoal inclúe gardas localizadas, quendas rotativas e horarios nocturnos, moi diferentes aos que recolle ese convenio.
Por iso reclaman condicións laborais acordes coas súas funcións e semellantes ás que xa teñen os seus compañeiros de Veolia nos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo ou o comarcal do Salnés.

Ramón López, portavoz dos traballadores de Veolia explicou que "as concentracións son moi ruidosas, temos que ter en conta que aquí hai pacientes, tampouco queremos enturbiar o seu descanso e súa recuperación".
Por ese motivo decidiron "facer cousas simplemente para que a xente non se esqueza de que nós seguimos en conflito".
A folga remata o próximo martes, "como vemos que non vai haber solución para o martes" teñen previsto levar a cabo "estas performances, por así chamalas, e outro tipo de actividades", dixo Ramón López.
Os responsables da empresa Veolia Grupo Norte teñen fixada unha reunión coa Xerencia da Área Sanitaria para este luns. Os traballadores agardan que despois desa xuntanza se retomen as súas negociacións para poñer fin a este conflito laboral.