O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra condenou un enfermeiro do Hospital Provincial por agredir o pai dun bebé que se atopaba ingresado na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de neonatoloxía.
A sentenza, emitida o pasado mes de agosto e xa firme ao non ser recorrida por ningunha das partes, considera probado que o sanitario agrediu fisicamente ao proxenitor durante un altercado ocorrido en xullo de 2024.
Segundo os feitos recollidos na resolución xudicial, a confrontación iniciouse cando o pai do menor presentou unha queixa ao persoal do hospital polo uso dunha estufa colocada xunto aos berces, cuxo calor —segundo denunciou— estaba a deteriorar as rodas de plástico destas e podía supoñer un risco para os neonatos.
Tras manifestar a súa preocupación a unha enfermeira, interveu o profesional agora condenado, quen, de acordo coa versión do denunciante, dirixiuse ás súas compañeiras en ton agresivo indicándolles que ignorasen o pai. O incidente agravouse máis tarde, xa fóra do centro hospitalario, cando ambos volveron atoparse.
O pai relatou que, ao recriminar o enfermeiro a súa actitude e pedirlle que non se entrometera na saúde do seu bebé, este reaccionou colléndolle do pescozo con forza e berrando que non se metese co pan dos seus fillos. Posteriormente, ao achegarse a un vixiante de seguridade para solicitar unha folla de reclamacións, o enfermeiro abalanzouse sobre el, propinándolle un golpe na cara.
Durante o xuízo, o sanitario ofreceu unha versión distinta dos feitos, asegurando que o pai increpara a unha compañeira e que lle agardaba fóra do hospital, onde lle proferiu insultos de carácter xenófobo, chamándoo "sudaca de mierda". Segundo o acusado, ambos os dous forcexearon e el deulle unha "labazada" para apartalo.
Con todo, o testemuño do vixiante de seguridade presente no momento da agresión foi clave no proceso. O traballador declarou que presenciou unha agresión unilateral por parte do enfermeiro, sen que mediase provocación física previa.
Finalmente, o xuíz condenou o enfermeiro como autor dun delito leve de lesións. A pena imposta consiste nunha multa dun mes cunha cota diaria de 6 euros, coa advertencia de que, en caso de falta de pagamento, deberá cumprir un día de privación de liberdade por cada dúas cotas non satisfeitas. Así mesmo, o condenado deberá pagar as costas procesuais.