O colectivo Touradas fóra de Pontevedra volverá saír á rúa este ano con motivo da feira taurina da Peregrina para amosar o seu rexeitamento a este tipo de festexos. Á falta de máis detalles, xa deron a coñecer a data da mobilización. Será o sábado 11 de agosto ás 20.00 e partirdará da praza da Peregrina para percorrer vaias rúas do centro da cidade.
Segundo avanzou a organización, as reivindicacións deste ano estarán centradas na modificación da nova Lei de Protección Animal, da que denuncian que "segue amparando as touradas como espectáculo no que non se maltrata ao animal". Ao seu entender, trátase dun "espectáculo en pleno retroceso" no conxunto do Estado e especialmente en Galicia, onde Pontevedra é a última localidade con feira taurina.
Ademáis, como xa fixeron nos últimos anos, os antitouradas pedirán ao Concello de Pontevedra que poña fin ao convenio que asinan cada ano co empresariado propietario da praza de touros para poder usar as instalacións de San Roque para outros eventos ao longo do ano, en especial, o torneo medieval da Feira Franca.
Ao respecto, Touradas fóra de Pontevedra sostén que este convenio "permite destinar cartos públicos para a feira taurina e desfrutar de espazos públicos para anunciar a tortura animal".
Por outra parte, o colectivo organizará unha serie de actividades nas semanas previas entre as que se atopan unha conferencia, un photocall antitouradas na rúa e unha asemblea aberta á que están convidados colectivos e organizacións da cidade.