Comeza a Feira: os touros nos currais e un Emilio de Justo que confirma a súa presenza na Peregrina para debutar

Pontevedra
08 de agosto 2025
Actualizado: 18:40

A menos de 24 horas para o inicio da Feira taurina da Peregrina, as reses de Alcurrucén xa están nos currais de San Roque. O primeiro dos festexos celebrarase sen cambios unha vez que o estremeño Emilio de Justo confirmou a reaparición en Pontevedra

Touros de Alcurrucén para a Feira da Peregrina 2025
Touros de Alcurrucén para a Feira da Peregrina 2025 / PontevedraViva

A Feira da Peregrina iníciase sen modificacións sobre os carteis previstos e despois de que Emilio de Justo confirmase este pasado xoves nas súas redes sociais que retoma os seus compromisos da tempada coa cita en Pontevedra. Unha praza na que ademáis intervirá por primeira vez.

O destro estremeño sufría o pasado 24 de xullo unha collida na Feira de Santander que lle supuxo unha lesión no ombreiro, ademais de dúas fracturas. Desde entón segue unha intensa rehabilitación para posibilitar a reincorporación á tempada taurina.

Mentres este pasado martes aínda non tomara unha decisión sobre a cita pontevedresa, o xoves pola tarde sinalaba en Instagram: "Pontevedra!! Vémonos o sábado" e este mesmo venres facíao na rede X apuntando a súa presenza no cartel previsto para abrir Feira.

Xunto a de Justo estará o francés Sebastián Castella que regresa a Pontevedra no seu vinte e cinco aniversario como matador de touros, que se cumprirá o próximo día 12; e que motiva as tres tardes que ten comprometidas a próxima semana na súa Béziers natal. A súa última actuación nesta capital foi en 2023 no primeiro dos dous festexos previstos naquela edición.

Para completar a terna, José María Manzanares tamén rubricou o seu último "paseíllo" na Feira da Peregrina en 2023, na tarde dominical en que se despedía da afección pontevedresa 'El Juli'.

As reses a lidar chegaban na mañá deste venres desde a leira toledana de Alcurrucén aos currais da praza sanroqueña, onde tras os preceptivos trámites, descansan sen incidencias.

Para esta apertura de feira, a empresa xestora non quixo pasar por alto a efeméride do 125 aniversario da inauguración desta praza de touros, un aniversario que estará presente no centro do recinto lembrando "o arraigamento taurino" da capital.

MORANTE INCREMENTA O DESPACHO DE BILLETES

A tarde do domingo 10 é previsible que quede vendido todo o aforamento da praza pontevedresa dado o interese que motivou volver ver o mestre José Antonio Morante. O cigarreiro está nunha tempada de éxito con datas históricas para a súa traxectoria profesional como foi a corrida de Beneficencia o pasado xuño en Madrid onde, por primeira vez, abría porta grande e saía a ombreiros levantado por centos de mozos afeccionados.

Precisamente este perfil de público esgotou en escasos días as entradas da bancada nova habilitadas para a Feira da Peregrina.

Acompañando a Morante de la Puebla, que xa é un imprescindible da cita pontevedresa desde a pasada década, estarán Alejandro Talavante que goza tamén de bo predicamento e presenza nesta capital, completando con Daniel Luque nunha interesante tempada na que fai dobrete en Pontevedra. Completan o cartel os touros de Garcigrande cuxa última presenza na Feira da Peregrina foi en 2022.