Para este martes 2 de abril, ás 18:00 horas, diante do edificio de Corres en Pontevedra, a CIG convocou unha concentración para "darlle visibilidade ao cansazo e fastío do persoal da maior empresa pública do Estado diante da política de non contratación que esta a aplicar a dirección".
Sinalan os representantes dos traballadores que nos últimos tempos non se cobren con persoal eventual os distintos permisos retribuídos nin as baixas médicas, "do mesmo xeito que se están asumindo recargos permanentes nas distintas unidades", o que significa en moitos casos que se teñan que asumir importantes distancias quilométricas, tal e como veñen denunciando dende hai meses os empregados da Unidade de Reparto de Lalín.
Aseguran que estas cargas de traballo impiden na maioría dos casos que se cumpra co servizo postal universal que ten encomendado Correos, non garantindo o reparto diario da correspondencia (cinco días á semana) e reducindo a calidade do servizo, segundo explica José Blanco Pichel, responsable da CIG-Correos Pontevedra.
A central sindical, a través da senadora do BNG, Carme Da Silva, presentou unha batería de preguntas no Senado para que Correos explique se ten pensado cubrir as deficiencias de persoal nesta oficina e por que razón non se cubriron as vacantes e as baixas que reduciron o cadro de persoal.
Tamén se interpela os responsables da empresa pública sobre se coñecen a sobrecarga de traballo existente na unidade de reparto que atende a uns concellos con alta dispersión poboacional, obrigando a realizar rutas con grandes desprazamentos.
Neste senso, pregúntase se Correos é consciente de que non se están a protexer os dereitos dos seus empregados, en liña co establecido na Lei Postal e cales son as previsións en relación ao aumento de persoal nas oficinas postais de Galicia, en especial as situadas no medio rural.