Traballadores das oficinas centrais de ENCE apoian tres días de folga en agosto polo "clima laboral insostible"

Pontevedra
30 de xullo 2016
Actualizado: 14:23

A convocatoria secúndana os comités de empresa de todos os centros de traballo da empreas en España, entre eles o das oficinas centrais de Pontevedra e os das factorías de Navia e Huelva, pero aínda queda por tomar unha decisión o comité da fábrica de Lourizán

Traballadores de Ence e de empresas auxiliares no pleno da Deputación
Traballadores de Ence e de empresas auxiliares no pleno da Deputación / Mónica Patxot

Os traballadores das oficinas centrais da empresa Ence en Pontevedra sumaranse durante a segunda semana de agosto a unha convocatoria de tres días de folga en protesta polo expediente sancionador aberto pola pasteira a un traballador forestal e para denunciar un "clima laboral insustentable" na empresa. 

A convocatoria secúndana os comités de empresa de todos os centros de traballo da empreas en España, entre eles o das oficinas centrais de Pontevedra e os das factorías de Navia e Huelva, pero aínda queda por tomar unha decisión o comité da fábrica de Lourizán

Segundo informaron fontes sindicais, a folga convocouse tras realizar asembleas en todos os centros do grupo, pero aínda non hai unha decisión definitiva do comité da fábrica de Pontevedra. A folga duraría tres días na semana do 8 de agosto, pero aínda non se deron a coñecer máis detalles. 

Con esta protesta, os traballadores esixen que se depuren responsabilidades por unha serie de "medidas represivas e irreflexivas", a retirada do expediente ao traballador amoestado e todo o que eles resumo nunha situación de "acoso laboral xeneralizado" e "clima laboral insustentable" na empresa. 

A folga é unha consecuencia directa do expediente sancionador aberto a un traballador e representante dos traballadores o pasado 22 de xullo alegando "faltas de puntualidade reiteradas". Os comités que convocan a folga aseguran que "é totalmente falso e demostrado" o motivo que alegan, sobre todo tendo en conta que este traballador ten xornada flexible e que en 15 anos na empresa nunca tivera ningunha queixa respecto diso.

Ademais, aseguran que ese expediente abriuse "de maneira rastrera e sen advertencia previa" por medio dun GPS colocado no seu coche de traballo e co seguimento persoal por parte dun detective privado. Na súa opinión, os "motivos reais" son unha represalia a ese traballador por manifestarse nunha asemblea de traballadores e posteriormente postularse como delegado e ser elixido polos seus compañeiros.

ENCE DEFÉNDESE

Tras a convocatoria de folga, Ence quixo aclarar que o procedemento de investigación seguido foi o correcto e "rigorosamente legal", e probou "fehacientemente" ausencias ao traballo do empregado sancionado "case todos os días da investigación", polo que non se trata dun caso de falta de puntualidade nin de xornada flexible. 

A pasteira tamén rexeita tajantemente as acusacións de que o expediente obedece a represalias por ser representante dos traballadores, senón que consideran que "está totalmente motivado" polo incumprimento das súas obrigacións laborais.