Polo traballo, igualdade e salarios dignos, a CIG propón mobilizarse o Día da Clase Obreira Galega

Pontevedra
08 de marzo 2025

O luns 10 de marzo van desenvolverse concentracións nas principais cidades galegas. En Pontevedra está prevista na Praza da Peregrina e en Vilagarcía na Casa do Mar. Ámbalas serán ás 20.00 horas

Concentración polo Día da Clase Obreira Galega
Concentración polo Día da Clase Obreira Galega / Mónica Patxot

O vindeiro luns, 10 de marzo, a Confederación Intersindical Galega (CIG) conmemora o Día da Clase Obreira Galega cunha serie de mobilizacións nas sete cidades galegas e en Vilagarcía.

Baixo o lema "traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos", a central sindical reivindica melloras nas condicións laborais e sociais, lembrando as históricas loitas de 1972 en Ferrol, nas que os traballadores da antiga Bazán, Amador Rei e Daniel Niebla, foron asasinados pola policía franquista.

En Pontevedra, a convocatoria terá lugar ás 20:00 horas na Praza da Peregrina, mentres que en Vilagarcía de Arousa será no mesmo horario fronte á Casa do Mar.

Estas concentracións forman parte da xornada de reivindicación que busca honrar a memoria das loitas obreiras e esixir un futuro máis xusto para a clase traballadora galega.

A CIG sitúa no centro das súas demandas a campaña de 12 medidas para combater a precariedade laboral, o empobrecemento e as desigualdades de xénero. Entre as propostas destacan:

  • Establecer un Salario Mínimo Interprofesional (SMI) de 1.320,04 euros en 2025, cumprindo co 60% do salario medio estatal que marca a Carta Social Europea.

  • Reducir a xornada laboral a 35 horas semanais, con vistas a acadar unha semana laboral de catro días e 32 horas.

  • Implantar mecanismos efectivos para garantir que os plans de igualdade non queden en papel mollado.

  • Desenvolver un plan galego de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno.

Laura Ogando, representante da CIG, afirma que "ter traballo non garante o acceso a dereitos básicos como a alimentación ou a vivenda, especialmente entre a mocidade e as mulleres". A central denuncia que esta realidade é consecuencia directa das reformas laborais aprobadas polos gobernos, que, segundo a CIG, utilizan o diálogo social para lexitimar políticas que favorecen á patronal.

A CIG tamén reivindica o dereito a negociar convenios colectivos adaptados á realidade galega, fronte á centralización estatal que, segundo a central, exclúe ás persoas traballadoras do proceso de decisión. "Recoñecer este dereito é democratizar a negociación colectiva e avanzar cara a unha Galiza con dereitos", explica Ogando.

"Os dereitos non son concesións dos gobernos, senón conquistas da loita obreira", conclúen desde o sindicato nacionalista.